Tino Seco, veciño de Cervás, ven de ser proclamado pola Asemblea Local do BNG de Ares candidato á alcaldía para as próximas eleccións municipais do mes de maio de 2023.
Foi elixido pola Asemblea Local do BNG de Ares cara ás próximas eleccións municipais do mes de maio de 2023.
Que supón para ti pasar de ocupar o cargo de Responsable Local a ser a persoa que encabece a candidatura do BNG?
Pois moita responsabilidade, xa que o BNG ten o cometido de desenvolver un proxecto político que aporta solucións aos problemas reais da xente e que pode permitir alcanzar ese Ares que desexamos.
O BNG ven de renovar nos pasados meses os seus cargos electos no Concello, coa entrada de Carme Brage e Miguel G. Paz, o teu nomeamento vai supoñer unha continuidade ou unha renovación no BNG de Ares?
Pois ambas cousas, no BNG levamos unha traxectoria moi contrastada de traballo no concello, con propostas e liñas de actuación en todos aqueles temas que afectan á nosa veciñanza, sendo a forza política que encabeza a oposición ao goberno do PSOE-NAL, e nesa liña pensamos continuar. Pero tamén entendo que o feito de que outra persoa encabece o proxecto vaille dar a este un maior impulso e transmitir á xente a capacidade que temos no BNG de ser unha forza política activa e vital.
Cales son ás túas motivacións para participar de xeito activo en política?
Eu creo na acción social como un xeito de mellorar a vida das persoas, participar en política é, e sempre debería ser, estar ao servizo dos veciños e das veciñas dende o que é noso, as institucións locais, a forma de participación regrada que sustenta unha democracia.
Cal é a túa análise da situación do noso concello de Ares?
Vivimos nun Concello con moitas potencialidades pero desafortunadamente estan a desaproveitarse. O goberno municipal está instalado nunha inercia rutineira que nos fai perder moitas oportunidades de desenvolvemento. Un exemplo do que estou a dicir é o caos do transporte público, que tantos prexuízos nos está a causar a grande parte da veciñanza de Ares, onde botamos de menos unha acción decidida por parte do alcalde, mais alá de proclamas de cara á galería, pero na realidade é que mostra unha clara sintonía coa Xunta do PP.
Un goberno do PSOE-NAL que, pese a contar cunha maioría absoluta, é incapaz de desenvolver as súas propias iniciativas, as escasas que ten, a tempo e de xeito correcto. Vémolo cando son incapaces de aprobar os seus propios orzamentos no prazo que marca a lexislación, no exercicio actual aprobáronse con 3 meses de retraso. Máis recentemente, asistimos ao esperpento de aprobar unha normativa de aparcadoiros con só dous días de antelación á súa suposta entrada en vigor, pero que aínda non foi publicada a súa aprobación definitiva polo retraso na resolución das alegacións, que non fixo máis que crear desconcerto e molestias durante todo o verán ás persoas usuarias dos aparcadoiros, tanto aos veciños e ás veciñas de Ares como a turistas e visitantes.
En resumo, un goberno sen ideas, incapaz de dialogar, instalado nunha continua acción de propaganda e de auto-bombo, que non é quen de aportar as solucións que Ares precisa.
Ante este escenario que presentas, cales son as solucións que propós?
Dende o BNG temos claro que non hai unha variña máxica que veña a resolver de golpe todos os problemas que temos en Ares e que temos que ser moi realistas dada a situación de forte endebedamento á que nos levaron estes anos de gobernos do PSOE-NAL-SondeAres, que fixeron do noso Concello un dos máis endebedados de Galiza.
O Concello ten que estar ao servizo dos veciños e das veciñas e non ao servizo dos políticos que o dirixen.É preciso escoitar, dialogar e gobernar baixo esta premisa.
Deixar de despilfarrar os cartos públicos en actuación e obras con fins propagandísticos que non responden ás necesidades da xente e establecer un plan plurianual de mellora dos servizos públicos baseado nas necesidades reais e reclamar con firmeza do resto das institucións a súa implicación na súa dotación e mellora. Sempre poño como exemplo que resulta moi clarificador o que acontece co abastecimento, que agora -logo de quince anos de goberno sen facer práticamente investimentos- semella que o goberno municipal descubríu que é unha prioridade; tal e como estivemos a defender reiteradamente desde o BNG.
A goberno PSOE-NAL ven de aprobar un plan de urbanismo que non contou co consenso preciso e non da solucións aos problemas urbanísticos de Ares, moitos deles xerados no goberno do PP, o que fai que teñamos unha grande cantidade de edificacións sen ocupar e moitas elas sen rematar. Temos que sentar as bases para corrixir as eivas deste PXOM, dar solucións ás persoas que pretenden rehabilitar ou construír a súa vivenda nos núcleos rurais e crear plans de recuperación de vivendas dos núcleos tradicionais de Ares e Redes.
É preciso artellar accións decididas para conservar, restaurar e poñer en valor o noso patrimonio natural e cultural, nomeadamente artellar una solución para Santa Catalina de Montefaro, que implique a todas as administracións nun plan que dunha vez por todas dea unha solución definitiva á nosa xoia artística.
Ares necesita un contedor cultural, necesitamos construír un auditorio no que a música, danza teatro... sexan as protagonistas dunha política cultural que brilla pola súa ausencia.
Afrontar dunha vez por todas a tan necesaria ampliación do CPI As Mirandas poñéndose á fronte das demandas da comunidade educativa e reclamar ante a Consellería de Educación un compromiso que comprometa prazos e obras.
Poñer de xeito transversal en todas as nosas políticas municipais un compromiso claro coa nosa lingua, o feminismo e a igualdade, prestando especial atención á mocidade.
En fin, son moitas liñas que iremos desenvolvendo e artellando nos próximos meses nos que o contacto coa veciñanza vai ser un instrumento fundamental que nutra de propostas o noso programa de actuación.
Con que expectativas afrontas as eleccións municipais do vindeiro ano?
Non nos marcamos ningún tipo de límite, estaremos onde a cidadanía de Ares nos queira situar, pero o que si percibimos nas conversas coa xente é a necesidade de pasar páxina deste goberno PSOE-NAL que non foi quen de sacar proveito para Ares da súa maioría absoluta e que ve no BNG unha opción útil e necesaria.