Orzamentos sen planificación, sen transparencia: votamos non
Un ano máis, e esta vez con catro meses de atraso, o grupo de goberno chega tarde e pide un cheque en branco para seguir xestionando Ares sen control real.
Estes orzamentos non son un exercicio de planificación: son a confirmación dun modelo esgotado de goberno, baseado na improvisación, na falta de transparencia e na ausencia de prioridades claras.
A débeda (case 4.000.000 €) xa condiciona o futuro do Concello. Sitúase no 42,9 % dos ingresos correntes, pero o máis grave é o que vén: compromisos plurianuais que poden disparar a carga financeira e limitar gravemente a capacidade de investimento futura.
Mentres tanto, seguen acumulando propiedades e terreos sen xustificación social clara, pero con altos custos de mantemento. Villa Dolores ou a reitoral de Ares son exemplos dun modelo que compra patrimonio sen proxecto nin utilidade definida.
A isto súmase a falta de concreción nos investimentos. Dos 3,4 millóns previstos, 3 millóns corresponden a Santa Catalina de Montefaro, unha actuación xa incluída en 2025 e que continúa sen executarse na súa totalidade, ademais de depender integramente de fondos do Estado. Os 400.000 € restantes nin sequera teñen un destino claramente definido. O documento sometido a votación apenas concreta actuacións.
Isto non é xestión: é falta absoluta de planificación e concreción.
Moitas das actuacións que se publicitan nin sequera aparecen con claridade no propio documento, e outras dependen case na súa totalidade doutras administracións.
E cando non hai argumentos, chega o de sempre: acusar ao BNG de votar contra obras necesarias como o campo do Numancia, o sistema de abastecemento de auga ou o abastecemento de As Poellas.
Pero isto é simplemente falso.
Son actuacións xa financiadas, xa apoiadas por nós e xa garantidas. Utilizalas como escusa para xustificar un mal orzamento é enganar á veciñanza.
Un orzamento non é un catálogo de obras: é unha folla de ruta política. E esta non existe.
O debate real é como se xestionan os recursos públicos e ao servizo de quen se poñen.
Acúsannos de irresponsables por votar en contra. Pero responsabilidade tamén é dicir non cando:
· se propoñen gastos sen retorno social,
· non se prioriza o mantemento de vías e camiños,
· non se reforzan os servizos públicos,
· non hai un modelo cultural definido,
· a xestión turística se limita ao verán,
· non se protexe nin se valoriza o patrimonio natural e urbanístico,
· non existe unha política de persoal que responda ás necesidades reais do Concello e garanta unha contratación xusta,
· e non se asegura unha xestión transparente, equitativa e participativa.
Por responsabilidade coa veciñanza de Ares, o BNG di claro e alto: NON a estes orzamentos.
Paz, soberanía e dereitos. 25 de Abril en Ares
🌹 #25A #NonÁGuerra #NonÁMilitarización #BNG #Ares
Boletín informativo do BNG de Ares – Outubro 2025
Xa está dispoñíbel o Boletín informativo do BNG de Ares – Outubro 2025, no que resumimos o traballo realizado nos últimos meses e as principais iniciativas que levamos aos plenos municipais. Falamos dos problemas de abastecemento de auga, da falta de planificación do Concello, das deficiencias no mantemento de camiños, do uso do patrimonio público e doutros temas que afectan directamente á vida da veciñanza.
O boletín tamén recolle propostas e alternativas do BNG para mellorar a xestión municipal e poñer os recursos públicos ao servizo da cidadanía.
📖 Podes ler ou descargar o boletín completo premendo aquí 👉 https://ares.bng.gal/media/ares/files/2025/10/17/Outubro%202025.pdf
O Pleno de Ares aproba por ampla maioría unha moción do BNG para reclamar á Xunta melloras no transporte público escolar
O Pleno do Concello de Ares aprobou hoxe unha moción presentada polo BNG para solicitar á Xunta de Galicia a adecuación dos horarios e o reforzo do transporte público interurbano que emprega o alumnado do municipio para desprazarse aos seus centros de ensino.
A proposta contou cos votos favorables do BNG, PSOE e PP, mentres que o concelleiro de NAL se abstivo.
A moción pon de manifesto que Ares carece de oferta educativa en Bacharelato e Formación Profesional, obrigando ao alumnado a desprazarse diariamente a concellos limítrofes como Ferrol, Fene, Mugardos e Pontedeume, dependendo unicamente do servizo de autobuses interurbanos.
O texto aprobado denuncia que os horarios actuais non se adaptan ás necesidades do alumnado que estuda en Ferrol e Fene, provocando esperas excesivas e dificultando a asistencia regular ás clases. Ademais, recolle a grave situación do transporte a Mugardos, onde os autobuses circulan saturados, con estudantes de pé e sen garantías para persoas con mobilidade reducida, o que supón un risco para a súa seguridade. Tamén se subliña que o alumnado que estuda en Pontedeume nin sequera dispón de liña directa desde Ares.
O acordo plenario insta á Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da Consellería de Educación, a revisar e adaptar os horarios das liñas, así como a incrementar o número de autobuses na liña de Mugardos para garantir prazas sentadas suficientes e condicións dignas e seguras de desprazamento.
Unha segunda moción, tamén presentada polo BNG, foi aprobada cos votos favorables do BNG e PSOE, mentres que PP e NAL optaron pola abstención. O acordo expresa o apoio do Concello ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ás súas traballadoras, un servizo esencial para a atención ás persoas maiores e dependentes, que require unha maior dotación de recursos e melloras nas condicións laborais do persoal.
Coa aprobación destas iniciativas o BNG de Ares reitera o seu compromiso coa defensa dos servizos públicos, dos dereitos da mocidade e o acceso á educación en igualdade de condicións e co dereito a uns coidados dignos no ámbito comunitario.
A seguridade viaria non pode depender das festas patronais
A finais do mes pasado, dende o BNG de Ares —recollendo tamén numerosas queixas veciñais— denunciamos o lamentable estado das estradas do noso concello de titularidade da Deputación.
A falta de desbroce e a invasión de maleza converten estas vías en incómodas e inseguras para as persoas que camiñan por elas, e mesmo para os vehículos, especialmente na estrada DP-0403 de Cervás ao Baño.
Enviamos un escrito á Deputación demandando, con carácter urxente, o desbroce e limpeza das estradas Ares–Chanteiro, Redes–Ares e Cervás–O Baño, mais non recibimos resposta.
Esta semana interpelamos tamén ao goberno local para solicitar a súa intercesión. Descoñecemos se estas xestións se fixeron ou non, pero hoxe, 15 de agosto (festivo), atopámonos coa grata sorpresa de ver maquinaria realizando estes traballos tan agardados na estrada Ares–Chanteiro.
O curioso é que os traballos só afectaron ao tramo de Lubre.
Será casualidade... ou terá algo que ver que están de festas?
Continuarán inmediatamente co resto dos vías, ou haberá que esperar ás seguintes festas patronais?
No BNG temos moi claro que a seguridade viaria non pode depender do calendario festivo, senón da responsabilidade das administracións públicas para coas veciñas e veciños.
A Xunta practica o feísmo en Redes
O BNG critica a falta de transparencia na obra de asfaltado da rúa Gaspar Rodríguez en Redes