19 anos gobernando. A culpa segue sendo dos demais.
Estes días coñecemos unha publicación do alcalde Julio Iglesias a raíz da inclusión dun concello gobernado polo BNG no listado de Entidades Locais obrigadas a participar no Procedemento de Pago a Provedores publicado polo Ministerio de Facenda.
A verdade é que esa circunstancia serviulle de escusa para cargar unha vez máis contra o BNG e contra o labor de oposición que vimos desenvolvendo. O curioso é que, non sabemos se pola emoción de atopar un novo argumento de crítica, non continuou coa lectura da relación completa de concellos afectados. Nela figuran tamén once concellos gobernados polo PSOE, entre eles Culleredo ou cidades tan importantes como Parla e Xaén. Un exemplo clásico de ver a palla no ollo alleo e non a viga no propio.
A continuación, o alcalde volve cargar contra o noso voto negativo aos Orzamentos de 2026. Xa explicamos á veciñanza os motivos da nosa posición, pero os feitos están a darnos a razón. Apenas un mes despois da aprobación dos orzamentos, o goberno municipal levou esta semana ao pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito para facer fronte a gastos ordinarios e previsibles.
O problema de fondo é que non estamos ante gastos imprevistos, senón ante servizos básicos e perfectamente previsibles, como a subministración eléctrica ou a asistencia no fogar. Que estes gastos teñan que ser regularizados a posteriori mediante un recoñecemento extraxudicial de crédito evidencia unha falta de planificación e previsión. O que debería ser unha ferramenta excepcional non pode converterse nunha práctica habitual, porque iso supón asumir como normal unha forma deficiente de xestión dos recursos públicos.
Por iso votamos en contra. Porque non se trataba simplemente de aprobar unhas contas, senón de conceder unha confianza política a un modelo de xestión que non compartimos. Utilizar o argumento de que quen non apoia os orzamentos está en contra das obras previstas é unha trampa política. Moitas das actuacións incluídas xa contaron co noso apoio no seu momento e non corren ningún perigo por mor do noso voto.
O que realmente supón aprobar estes orzamentos é dar carta branca a un goberno que pretende facer e desfacer ao seu antollo. E esa confianza nin a ten nin a merece.
Resulta preocupante tamén a idea que o alcalde tenta transmitir: identificar os intereses de Ares cos seus propios intereses. Segundo esa lóxica, quen discrepa del está contra Ares. Afortunadamente, a veciñanza de Ares ten suficiente madurez política para distinguir entre a defensa dos intereses do pobo e a defensa dos intereses dun goberno.
Iso si, temos que agradecerlle que recoñeza o traballo do BNG na defensa da obra da auga. Efectivamente, levamos máis de vinte anos reclamando unha solución definitiva para unha infraestrutura esencial para Ares. O que o alcalde esquece mencionar é que el e os seus gobernos levan xa dezanove anos á fronte do Concello. Que a día de hoxe esta obra siga sen estar rematada e que continúen existindo carencias no abastecemento non é responsabilidade da oposición. É responsabilidade de quen leva case dúas décadas gobernando.
Xa está ben de buscar culpables fóra. Chega o momento de asumir responsabilidades e dar explicacións.