Algo cheira mal na rotura do colector de saneamento...
Onte, 10 de abril, os medios de comunicación anunciaban a sinatura do convenio entre a Xunta e Concello de Ares, que aportarán 1,15 millóns de euros para a rotura do colector de saneamento. É de lamentar que o alcalde perdera a oportunidade de informar deste feito aos grupos políticos nas comisións informativas celebradas no día de onte.
Compre lembrar que o 22 de febreiro atopámonos coa realidade da fractura dun tramo do colector do saneamento na praia de Ares e dende o primeiro día, o BNG –co seu grupo municipal á fronte- estivo atento ao que acontecía, acudindo ao lugar para verificar o acontecido; mais tamén demandando do goberno municipal que se nos trasladase a información oficial dentro da corporación, e tamén ao conxunto da opinión pública.
O día seguinte, o 23 de febreiro, o alcalde no seu facebook particular (deixando de lado as RRSS oficiais do Concello) anunciaba a solución ao problema; “Y en 24 horas!” afirmaba triunfante. Pois ben, pasado mes e medio deste accidente, os veciños e as veciñas de Ares seguimos sufrindo a improvisación nos traballos de reparación deste colector, con frecuentes incidencias, a última esta pasada fin de semana, que provocan verteduras, sobre as que non temos constancia de que se estea a exercer algún tipo de control e análise. Non podemos esquecer que estamos a falar de zonas de especial protección de valores naturais.
Non se trata de culpabilizar a ninguén, máis é necesario que cada quen a asuma a súa responsabilidade. O conxunto da cidadanía ten dereito e mesmo deber de reclamar transparencia no referente ás razóns que levaron á fractura das tubaxes. Que nos aclaren se o problema é que o proxecto tiña deficiencias, ou se non se executaron as obras conforme ao proxecto. E, sobre todo ter información puntual, con informes técnicos, de como se van afrontar as obras de reparación.
Demándamos transparencia tanto do proxecto a desenvolver como garantías da calidade das augas e do entorno.