En Ares non aturamos a estafa da crise de prezos: O 18 IMOS A COMPOSTELA !

Manifestación Nacional, 18 de decembro, 12h. Compostela

Atravesamos unha situación onde o nível de prezos é o máis elevado en corenta anos, cunha suba de intereses que vai afogar aínda máis ás familias e unha banca que segue obtendo beneficios record -33% máis no que vai de ano- e non devolveu os 90.000 millóns de euros, e cun “lobby” eléctrico que continúa forrandose a conta da “crise”; o goberno da Xunta preséntanos uns orzamentos insolventes e insolidarios para o vindeiro 2023, que non atenden as necesidades das maiorías sociais.

Unha saída xusta á crise é, por exemplo, crear un Fondo de rescate hipotecario para as persoas con ingresos inferiores ao salario mínimo estatal e teñan que facer fronte ás hipotecas destinadas a vivenda habitual das familias con rendas medias e baixas; fondo que debe asumir o sector financieiro para devolver o que a sociedade lle deu co rescate da anterior crise

Si, hai alternativas. E non se poden repetir os erros de 2009, porque esta crise -que non responde a un aumento da demanda, senón que se sitúa nun contexto de transformacións de fondo a nivel internacional-, non pode levarse por diante a miles de familias como aconteceu na anterior. No caso galego, ademáis, asistimos á concentración de riqueza en poucas mans, a maioría alleas ao País e situadas territorialmente, sobre todo, en Madrid; que continúa absorbendo investimentos e poboación. Reforzando, sen dúbida as tendencias tan nocivas e desfavorábeis para Galiza e as súas clases populares.

EN ARES, O GOBERNO MUNICIPAL MIRA PARA OUTRO LADO…

Nesta crítica situación, a veciñanza de Ares atopámonos cun goberno municipal que non só permanece alleo a este contexto, senón que reforza unha política baseada nas grandes obras -moitas delas, sen concretar a súa operatividade e rendibilidade social- no aumento da débeda pública e no mantemento dunha política impositiva que nos sitúa coma ún dos concellos de maior presión fiscal da comarca. Un xeito irresponsábel de enfrontarse a un problema estrutural -a crise de prezos- coma se non fose con nós...

En troques, hai alternativas, como as que levamos tempo reclamando desde o BNG de Ares: a racionalización do gasto público, o deseño dun grande plan de choque para sectores que están a sofrer dun xeito máis agudo esta situación (hostalaría, pequeno comercio...), o garante duns servizos básicos de calidade (15 anos no goberno e “descubriron” agora que había que actuar na situación do abastecimento de auga...), ou o deseño de políticas sociais que vaian máis aló da propaganda e procuren, de verdade, medidas de fondo para axudar ás persoas que peor están a pasalo e á integración dos sectores máis desfavorecidos. Eis algunhas das materias pendentes dun goberno municipal que, se ben non ten competencias para actuar nalguns dos problemas estruturais que estamos a vivir, sí pode e debe de actuar para corrixilos desde o seu ámbito competencial.

Así que, por todo iso, estamos cargadas de razóns para rebelarnos contra desta realidade que nos queren impór como se fose unha “maldición bíblica” e reclamar que hai outras políticas. E, igual que o defendemos no día a día nas institucións, farémolo tamén na rúa: o domingo 18 imos a Compostela !!!