O BNG de Ares demanda a cobertura inmediata dunha profesora de apoio en Educación Infantil no CPI As Mirandas

BNG de Ares denuncia a grave situación que está a sufrir o alumnado de Educación Infantil no CPI As Mirandas, debido a que neste inicio de curso non se cubriu a praza dunha das profesoras de apoio que lle corresponde ao centro por catálogo. A docente, en comisión de servizos, non foi substituída, o que supón unha redución inxustificable de recursos humanos nunha etapa especialmente sensible.

Esta circunstancia agrávase polo contexto actual de obras de ampliación e reforma do centro, que, aínda sendo necesarias e imprescindibles, acumulan xa tres meses de atraso e sen previsión de remate a curto prazo. Esta demora está a provocar que o alumnado de Infantil teña que compartir aulas, dispoña unicamente de dous aseos de tamaño moi reducido e se vexa obrigado a realizar constantes desprazamentos polo centro educativo.

Agora, coa redución dunha docente de apoio, a situación convértese en insostible e compromete seriamente a calidade educativa e o benestar das crianzas.

BNG de Ares demanda a cobertura inmediata da praza vacante para garantir o dereito dos nenos e nenas a un ensino público de calidade e en condicións dignas.