Solicita que o pleno demande a cobertura de todas as prazas comprometidas.

O BNG de Ares demanda mellora na atención sanitaria do centro de saúde.

A carencia de persoal sanitario no Centro de Saúde de Ares é unha constante praticamente desde o momento mesmo que se puxeran en marcha as instalacións do novo Centro de Saúde; mesmo que daquela se fixeran promesas ao respecto de que a millora nas instalacións levaría tamén emparellada a dotación de maior persoal para a atención á poboación do noso concello. 

Segundo o portavoz municipal do BNG, Tino Seco, “de xeito cíclico e reiterado, a veciñanza do noso concello sofre as consecuencias da falta de cobertura de prazas de profisionais –agravada na tempada do verán polo aumento de poboación que rexistra o noso concello- que se constatan no retardo das citas de consultas, imposibilidade de obter receitas para as doenzas, etc…

Lembra o portavoz do BNG que “pese a que hai agora ano e medio os responsábeis da Consellaría trasladasen ao alcalde de Ares en novembro de 2021 o compromiso de que o Centro de Saúde de Ares disporía de catro médic@s de atención primaria, alén doutros servizos coma pediatría e gardas de atención os sábados. Pola contra, a situación vivida nos últimos meses evidencia que as devanditas promesas non se concretaron na prática; convertendo as carencias nun problema estrutural”.

Tino Seco fai mención “ao acontecido no pasado mes de Agosto, cando perante a situación límite pola carencia de médic@s comprometérase a restauración dos servizos; cando o certo é que só se fixo parcialmente e, concretamente, non se abordou a cobertura da praza de desprazad@s; que resulta fundamental nun concello onde a poboación chega a triplicarse na tempada do verán”. 

Ao fío desta situación –que deriva na prática en prexuizos para o conxunto da veciñanza e supón a grave merma no dereito básico a unha sanidade pública en condicións- desde o Grupo Municipal do BNG presentouse unha moción ao pleno do concello (a celebrar o vindeiro luns 25) na que se propón que a corporación adopte o seguinte acordo:

“O Pleno do concello de Ares solicita da Consellaría de Sanidade a cobertura de todas as prazas de profesionais correspondentes ao Centro de Saúde de Ares –tal e como fora comprometido no seu momento- garantindo a completa atención ao conxunto da poboación; reforzando a plantilla na tempada do verán, retomando as gardas os sábados e normalizando a atención en pediatría”.