O BNG de Ares denuncia carencias e retrasos na instalación da banda ancha.
A ampliación da banda ancha aos diversos núcleos do concello de Ares está a evidenciar retrasos e incumprimentos; que converten os anuncios feitos pola administración en auténtico fiasco. Segundo denunciou onte mesmo Tino Seco, responsábel local do BNG de Ares e candidato á alcaldía “unha cousa son os papeis e os anuncios ao respecto da ampliación da banda ancha, e outra é a realidade; porque en moitos casos acumúlanse flagrantes incumprimentos e retraso ao respecto do que se anuncia oficialmente”.
Referíase Tino Seco “á loita que desde hai anos levan facendo desde a veciñanza de Cervás; que carece deste servizo a pesar de existir unha liña que pasa pola parroquia cara a Chanteiro”. Unha loita na que “recolleron sinaturas, dirixíronse á administración do Estado e tamén á Xunta; recibindo sempre documentos e boas palabras, mais as solucións non dan chegado”.
Sobre o particular, o responsábel do BNG deu conta da iniciativa presentada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, referida específicamente á instalación da banda ancha na zona de Cervás; afirmando que “o Goberno esquiva concretar a pregunta que formulamos, remitíndonos a plans e convocatorias; pero o certo é que en teoría a maioría dos núcleos de Cervás deberían estar con banda ancha antes do remate de 2021 ao abeiro dunha subvención concedida polo Estado a Telefónica en 2019, e seguimos agardando”.
Así, resulta que “o acceso da veciñanza ás novas tecnoloxías non pasa de ser propaganda; mentras moita xente –concretamente a que depende dunha rede en condicións para realizar o seu traballo- fica discriminada; como pasa concretamente no caso de Cervás”, asegura Tino Seco, para engadir que “esta discriminación incide claramente na posibilidade de fixar poboación nas parroquias; que logo pregoan as administracións aos catro ventos”.
Mais non só acontece isto nalgúns núcleos rurais. Segundo o responsábel e candidato do BNG “mesmo no caso de Ares, algunha das empresas que resultaron adxudicatarias das obras de instalación da banda ancha –con inxentes cantidades de subvención pública- coma é Movistar, oferecen a instalación do servizo nas vivendas, cando despois resulta que a rede xeral que instalaron non dispón de potencia para dar servizo”