O BNG de Ares denuncia o mal estado dos camiños, rúas e estradas municipais

O BNG de Ares quere denunciar publicamente o preocupante estado de conservación de numerosos camiños, rúas e estradas municipais do noso concello. En moitos puntos do municipio a situación é evidente: proliferan os baches e fochancas no firme, así como lousas en mal estado nas zonas peonís, que en ocasións foron reparadas con cemento cun resultado pouco estético e, o que é máis grave, quedando incluso sobreelevadas e continuando a provocar tropezos e riscos para as persoas viandantes.

Somos conscientes de que as condicións climáticas deste inverno foron especialmente complicadas, con episodios de choiva moi intensos e continuados. Porén, esta realidade non é unha novidade no noso país, e precisamente por iso entendemos que debe existir unha planificación e unha previsión por parte do goberno municipal para realizar un mantemento continuado das infraestruturas públicas.

O que estamos a ver en moitos puntos do concello non responde unicamente aos danos provocados polo último inverno, senón que son problemas que se veñen acumulando ao longo dos últimos meses —e mesmo anos— por falta de mantemento e polo desleixo na conservación dos espazos públicos.

Desde o BNG consideramos que o goberno municipal está a dar preferencia a investimentos que pouco teñen que ver co día a día da veciñanza. Mentres se destinan recursos públicos á compra de fincas e propiedades sen unha utilidade clara, seguen sen atenderse cuestións básicas como o mantemento das rúas, camiños e beirarrúas, algo fundamental para a seguridade e a calidade de vida da cidadanía.

A situación chega a ser tan evidente que, en ton irónico, poderiamos dicir que os “badéns” e resaltes que tanto incomodan ás persoas condutoras xa non serían necesarios, porque as propias fochancas do firme cumpren esa función máis que de sobra.

Por todo isto, o BNG de Ares reclama ao goberno municipal que dea prioridade ao mantemento e á reparación das infraestruturas públicas, establecendo un plan de actuación para arranxar os numerosos danos existentes e evitar que esta situación siga deteriorándose.

O coidado do espazo público non é unha cuestión menor: é unha responsabilidade básica de calquera administración local e unha mostra de respecto pola veciñanza.