A non dotación da figura de atención a desprazadas -compromiso anunciado hai ano e medio- segue a lastrar a atención médica á veciñanza.

O BNG de Ares denuncia que a Consellaría de Sanidade segue a incumprir coa atención sanitaria no noso concello.

Mália o anuncio feito hai poucos días desde a alcaldía de Ares no tocante á “solución” para a carencia de profesionais no Centro de Saúde de Ares -que, teóricamente, quedaría solventada a partir do pasado 16- o certo é que a día de hoxe segue sen resolverse o problema estrutural; que está a ser denunciado desde hai días pola veciñanza, e do que nos fixemos partícipes hai días desde o BNG.

Ao respecto, o portavoz municipal do BNG, Tino Seco, vén de afirmar que “levamos anos de tantas promesas como reiterados incumprimentos” aludindo aos supostos compromisos que o alcalde de Ares tiña acadado con responsábeis da Consellaría hai agora hai ano e medio. Seco lembrou que “foi o alcalde quen anunciara a bombo e pratillo en novembro de 2021 que o Centro de Saúde disporía de catro médic@s de atención primaria, alén doutros servizos coma pediatría e gardas de atención os sábados”.

En troques e, a pesar do anunciado novamente polo propio alcalde hai poucos días, no sentido de que a partir do 16 de agosto levaríase a cabo a “restauración” dos servizos medicos no Centro de Saúde, o certo é que a mesma fíxose dun xeito parcial; por canto a praza de atención ás persoas desprazadas (lembramos que a poboaciòn de Ares chega a triplicarse no verán) non foi cuberta, cando estamos a piques de rematar o mes de Agosto.

Unha situación que o portavoz municipal do BNG cualifica de “inadmisíbel, por canto non só evidencia que os responsábeis da Consellaria de Sanidade seguen a incumprir cos mínimos no referente á dotación do persoal de atención sanitaria á veciñanza; senón que semella que a alcaldía, en troques de facer presión á beira das reivindicacións da veciñanza, actúa coma mensaxeiro dos reiterados incumprimentos”.

Perante este escenario, o BNG -alén da iniciativa a presentar ao comezo do período de sesións no Parlamento Galego- vai levar ao próximo pleno ordinario do concello unha moción pedindo compromisos claros e firmes no tocante á dotación de persoal que garanta unha asistencia sanitaria áxil e efectiva para o conxunto da veciñanza do noso concello.