Pónse de manifesto as necesidades do municipio e propónse medidas e actuacións de execución prioritaria.

O BNG de Ares traslada á Deputación as súas iniciativas en relación cos investimentos do Plan de Obras e Servizos (POS)

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, reunido co grupo municipal do BNG en Ares.

Este mércores, o grupo municipal do BNG de Ares mantivo unha reunión de traballo co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

Neste encontro falouse das actuacións da Deputación no noso concello e valoráronse novas liñas de actuación deste organismo. Ademais, abordouse o proxecto do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, que inclúe iniciativas vencelladas ao patrimonio militar, especialmente nas baterías de costa, e que será executado en breve.

Tamén se trataron novos proxectos, entre eles a ampliación da estrada comarcal DP-0403, que une Cervás co Baño, en Mugardos, unha actuación clave para mellorar as comunicacións e a seguridade viaria na zona.

Os concelleiros Tino Seco e Miguel García, xunto coa concelleira Carmen Brage, expuxeron as iniciativas do BNG de Ares en relación cos investimentos do Plan de Obras e Servizos (POS), trasladando as necesidades do municipio e propoñendo actuacións prioritarias para a súa execución.

O Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña consolidouse como unha ferramenta imprescindible para financiar obras e servizos públicos que contribúen a mellorar a calidade de vida da cidadanía en todos os concellos da provincia.