REXISTROU NO CONGRESO NOVA INICIATIVA PARA URXIR UNHA SOLUCIÓN

O BNG denuncia a falta de cobertura na banda ancha de Cervás

Tino Seco e Néstor Rego, nun encontro en Cervás

O BNG rexistrou unha nova iniciativa no Congreso dos Deputados sobre a falta de cobertura da banda ancha nos núcleos da parroquia de Cervás, insistindo na que xa presentara o 30 de xaneiro do pasado ano; na que facía fincapé nos perxuizos derivados para as persoas e empresas deses núcleos que precisan deste servizo para desenvolver o seu traballo ou, simplemente, acceder ao sistema sen ter que aturar baixa velocidade , cortes de servizo, etc….

Dentro das cuestións das que demandaba resposta o deputado do BNG Néstor Rego, figuraba a de aclarar as previsións dentro do “Programa de Universalización de Infraestructuras Digitales para la Cohesión (UNICO)” impulsado polo Estado para a instalación da banda ancha nos núcleos nos que nos estamos a referir. Nese programa figuraba un proxecto adxudicado a Movistar, que presuntamente tiña como obxectivo ampliar a banda ancha no concello de Ares, aínda que das consultas feitas daquela coa devandida empresa non se se concretaban prazos para achegar a banda ancha aos núcleos de Cervás que non dispoñen dela.

Segundo aclara o portavoz municipal do BNG, Tino Seco “na resposta que deu o Goberno á pregunta do BNG asegúrase que no caso da provincia de A Coruña están en marcha axudas por vaor de 13.369.858 M€ a desenvolver en diversos concellos, entre os que figuran o de Ares. Mais o certo é que, a data de hoxe non existe información algunha ao respecto, manténdose a situación de aillamento e discriminación destes núcleos no acceso á banda ancha”.

A maiores, incide Tino Seco, “na páxina do Ministerio para a Transformación Dixital figura un listado de proxectos de ampliación da cobertura de banda ancha aprobados para o ano 2023 –nos que figuran o adxudicado na provincia de A Coruña á empresa VENTO REDE S.L., cun orzamento de 5.893.398€- que non sabemos se complementa ou substitúe ao anteriormente comentado. Mentras tanto, mantense a discriminación para as xentes de Cervás”.

Ao fío desta situación, Néstor Rego formula na súa iniciativa as seguintes preguntas ao Goberno:

1.- É consciente o goberno do mantemento da discriminación dos núcleos da parroquia de Cervás (concello de Ares-A Coruña) polo feito de non dispór de acceso á banda ancha, e dos perxuizos a particulares e empresas de precisan deste servizo?

2.- Figura a dotación deste servizo nos núcleos referidos no punto anterior dentro dos plans aprobados polo goberno dentro do “Programa de Universalización de Infraestructuras Digitales para la Cohesión” dentro da Convocatoria do Plan Único-Banda Ancha 2023?

3.- Se é así, que prazos e investimentos están previstos para a execución dese proxecto ?