O BNG traslada ao Parlamento os problemas do CPI As Mirandas e reclama actuacións urxentes

O Deputado Xosé Manuel Golpe, reunido cos representantes do BNG de Ares no CPI As Mirandas.

O portavoz do BNG de Ares, Tino Seco, e a concelleira Carmen Brage mantiveron un encontro con Pilar Lozano, responsable comarcal do BNG, e con Xosé Manuel Golpe, deputado do BNG no Parlamento de Galicia, para trasladarlles de maneira detallada as carencias e deficiencias que presenta o CPI As Mirandas.

No encontro puxéronse enriba da mesa os problemas que continúa a presentar o edificio da ESO: humidades persistentes, filtracións de auga, carpintarías deterioradas, ventás en mal estado e deficiencias na ventilación. Así mesmo, informouse do estado da pista polideportiva exterior, con importantes problemas de drenaxe, irregularidades na superficie e deterioro do peche perimetral, o que dificulta o seu uso en condicións de seguridade.

Tamén se trasladou a preocupación da comunidade educativa porque neste curso a Consellaría de Educación suprimiu de maneira arbitraria e inxustificada unha docente de apoio en Educación Infantil, unha decisión que supón un recorte de recursos nunha etapa clave e que dificulta a atención axeitada ao alumnado.

Tras recibir esta información, o deputado Xosé Manuel Golpe rexistrou unha Proposición non de Lei para o seu debate en Comisión, na que se insta á Xunta de Galiza a:

  • Elaborar nun prazo máximo de seis meses un proxecto de rehabilitación integral do edificio da ESO.
  • Incorporar nos orzamentos a dotación económica necesaria para executar con carácter prioritario estas obras.
  • Acometer a reforma integral da pista polideportiva exterior, garantindo un uso seguro para o alumnado e para a comunidade.

A iniciativa inclúe tamén preguntas dirixidas ao Goberno galego sobre o estado actual das instalacións, a previsión de estudos técnicos, o diálogo co Concello de Ares e a existencia dunha partida orzamentaria específica para acometer estas actuacións.

O obxectivo é avanzar cara a unha solución definitiva ás eivas estruturais do centro e garantir unhas condicións dignas e seguras para o alumnado e o profesorado do CPI As Mirandas e para o conxunto da comunidade educativa de Ares.