Algunha partida increméntase nun 166%.

O Concello de Ares aproba unha subida desproporcionada das retribucións do alcalde e dos concelleiros e concelleiras.

De xeito sorprendente, xa que non figuraba na orde do día, o alcalde de Ares presentou, no pleno de novembro, unha moción pola vía de urxencia coa proposta de incrementar as retribucións dos concelleiras e dos concelleiros da corporación municipal:

De 75€ a 200€ pola asistencia a cada sesión plenaria, o que supón un incremento do 166%.

De 58€ a 100€ pola asistencia a cada comisión informativa e xunta de voceiros, o que supón un incremento do 72%. Tendo en conta que cada concelleiro/a asiste a unha media de 7/8 ao mes -o alcalde a todas-.

De 27.911€ a 30.000€ (aproximadamente) o incremento das 3 dedicacións exclusivas (das 3 concelleiras do PSOE).

O grupo de goberno -PSOE/NAL- mantén a contía de 220€ por cada xunta de goberno (normalmente celebran 4/5 ao mes).

Tanto os grupos de goberno -PSOE/NAL- como o PP votaron a favor deste despropósito, sendo o BNG o único grupo que se posicionou en contra.

No BNG somos conscientes de que as retribucións dos membros da corporación municipal son un asunto delicado que debe ser abordado sen demagoxia pero tamén, e sobre todo, dende o máximo respecto aos intereses dos veciños e das veciñas. Un concello como o noso, cunha débeda próxima aos 4.000.000 de euros e con carencias estruturais severas de persoal, servizos e dotacións públicas, cunha presión impositiva das máis altas da provincia; e nun contexto social onde a moitas familias de Ares cústalles chegar a fin de mes, non podemos ser partícipes de semellante decisión.

Chama a atención que, dende o comezo deste período de goberno municipal, foi este o único asunto para o cal o alcalde consultou co BNG, invitándonos a participar deste desacerto para, non cabe dúbida, facernos tamén co-responsables (“cómplices”) desta medida que non podemos avalar de ningunha maneira.

O alcalde argumenta que estas retribucións levan conxeladas dende o ano 2012 e, sendo isto así, esta subida aprobada supera en moito o 25% da suba do IPC dende esa data. Tampouco podemos admitir comparacións co que sucede noutros concellos, xa que cada un deles ten as súas dinámicas, que non poden compararse coa precaria situación de Ares descrita anteriormente.

No BNG propoñemos abordar este debate recoñecendo o esforzo e dedicación ao concello por parte dos concelleiros e das concelleiras, tanto do grupo de goberno como da oposición, pero a xusta dignificación do seu labor non pode estar vinculada a este incremento tan desproporcionado. Valoramos apropiado vincular as suba destas retribucións ao incremento do IPC anual (3,4% de inflación acumulada en 2023), con cifras moi lonxe das aprobadas. Consideramos ademais, que a conxuntura axeitada para facelo é o momento da aprobación dos orzamentos anuais, vinculando esta medida a investimentos que aspiren a incrementar o benestar dos veciños e das veciñas de Ares.