CPI As Mirandas: unha ampliación necesaria que chega con dezaoito anos de atraso.
Nas próximas semanas culminarán as obras de ampliación do CPI As Mirandas de Ares. Será o momento das fotografías, das notas institucionais e dos discursos triunfalistas. A comunidade educativa, con razón, celebrará poder contar por fin cunhas instalacións acordes ás necesidades dun centro que escolariza alumnado de Infantil, Primaria e ESO.
Mais celebrar o conseguido non pode implicar esquecer o camiño percorrido nin, sobre todo, o atraso inxustificable co que chega esta ampliación. Porque o que hoxe se inaugura non é unha concesión graciosa nin un logro recente, senón unha débeda acumulada durante case dúas décadas.
A historia comeza en maio de 2008, cando a propia equipa directiva do CPI As Mirandas elabora un informe no que se alerta con claridade da insuficiencia das instalacións e da urxencia dunha ampliación ou dun novo centro. Non era unha demanda partidaria, senón unha advertencia profesional baseada na realidade diaria do centro e no impacto que aquela situación tiña sobre toda a comunidade educativa.
Ese mesmo mes, o BNG asumía institucionalmente esta reivindicación e trasladábaa ao Parlamento galego, recollendo literalmente as conclusións do informe do centro. Pouco despois, a Xunta de Galicia recoñecía a existencia de deficiencias, mais sen concretar solucións nin prazos, inaugurando unha longa etapa de recoñecementos retóricos e parálise práctica.
Mentres tanto, no ámbito municipal tampouco se avanzaba. A ampliación ou construción dun novo centro requiría dispoñer de terreos adecuados, mais a tramitación urbanística permanecía bloqueada durante anos. As iniciativas do BNG no pleno do Concello de Ares para desbloquear esta situación foron rexeitadas, chegando incluso a minimizarse o problema, presentándoo como limitado a determinadas etapas educativas, cando o propio informe do centro advertía do seu carácter global.
En 2012, asinouse un convenio entre Concello, Deputación e Xunta que, sobre o papel, debía dar solución ao problema: o Concello comprometíase a poñer os terreos, a Xunta a redactar o proxecto e a Deputación a colaborar financeiramente. Ese convenio, porén, ficou sen executar durante anos, converténdose nun símbolo máis da distancia entre os anuncios e os feitos.
Nese contexto xurdiron as chamadas aulas provisionais de Infantil, concibidas como unha solución temporal que acabou prolongándose até o curso 2023–2024. Estas instalacións, consistentes en barracóns prefabricados, foron deteriorándose progresivamente co paso dos anos, convertendo o provisional en permanente e a excepción en norma. O que debía ser unha resposta de emerxencia acabou funcionando como un mecanismo para desactivar a presión social e política, mentres o alumnado máis pequeno do centro continuaba escolarizado durante anos en condicións claramente insuficientes e impropias dun ensino público de calidade.
Houbo que agardar ata 2021 para que o Parlamento galego aprobase por unanimidade unha iniciativa que instaba explicitamente á Xunta a licitar e iniciar as obras e ao Concello a resolver definitivamente a situación da parcela. Nin sequera ese acordo unánime se traduciu nunha actuación inmediata.
En 2022, o BNG volvía denunciar publicamente que a ampliación do CPI As Mirandas levaba sendo reclamada desde 2008, que existía un convenio asinado dez anos antes sen executar e que o alumnado seguía en barracóns, unha situación impropia dun sistema educativo que se pretende moderno e inclusivo.
Finalmente, entre 2023 e 2024, iniciáronse as obras, cun investimento millonario que, sen dúbida, é benvido. Mais o inicio tardío non borra o pasado: chega dezaseis anos despois da primeira advertencia formal do centro e tras case dúas décadas de espera.
E mesmo en 2025, coa obra en marcha, a comunidade educativa e o BNG denunciaron publicamente os atrasos acumulados na execución, a falta de espazos suficientes, os desprazamentos constantes do alumnado polo centro e as condicións especialmente precarias nas que continuaba o alumnado de Infantil.
Con todo, sería un erro dar por pechada esta etapa como se todos os problemas estivesen resoltos. A pista polideportiva do centro continúa nunha situación precaria, claramente deficitaria, que require unha intervención inmediata para garantir a seguridade e o normal desenvolvemento da actividade educativa. Ademais, desde o comezo deste curso, o CPI As Mirandas conta con unha docente menos en Educación Infantil, unha praza que lle corresponde ao centro segundo o catálogo oficial e que foi suprimida de xeito arbitrario pola Consellería de Educación, sobrecargando innecesariamente o traballo docente.
Esta é a cronoloxía dos feitos. Unha secuencia documentada que demostra que a ampliación do CPI As Mirandas non é un logro inmediato nin espontáneo, senón o resultado tardío dunha reivindicación histórica, defendida con coherencia polo BNG desde o primeiro momento, fronte á pasividade, o bloqueo ou as falsas alternativas doutras administracións e forzas políticas.
Por iso, cando se inauguren as novas instalacións, convén celebrar, pero tamén lembrar. Lembrar que o dereito do alumnado de Ares a un centro digno chegou tarde. E lembrar quen estivo, quen mirou para outro lado e quen deixou pasar os anos confiando en que o tempo apagase unha reivindicación que nunca deixou de ser xusta.