Inicio das obras en 2025, solución en ???: Ares segue sen auga

1

Onte coñecemos, unha vez máis polos medios de comunicación, a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao Concello de Ares para presentar o proxecto de mellora do abastecemento de auga. Un anuncio que, a estas alturas, soa a repetido e, sobre todo, a insuficiente para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza.

Estas obras están máis que anunciadas e levan anos no discurso político, pero a realidade é que o problema do abastecemento segue sen solucionarse. Segundo o propio anuncio, as obras comezarán a finais deste ano, pero o que precisa a xente de Ares non son promesas de inicio, senón realidades xa.

Mentres tanto, seguiremos coa preocupación pola falta de auga, cos cortes e problemas que afectan o día a día das familias e das empresas locais. As obras, ademais, non sabemos cando rematarán, xa que o convenio estabelece un prazo ata 2028, prorrogábel, o que significa que a veciñanza terá que seguir agardando e sufrindo durante varios anos máis.

Alén diso, semella que a preocupación da Xunta (non sabemos se tamén a do goberno municipal) non está en consonancia coas necesidades da veciñanza. Seica o Sr. Rueda valora esta obra como necesaria para impulsar o "turismo de calidade", cando a veciñanza o que está a demandar é un servizo -que paga relixiosamente- para poder atender as necesidades básicas durante todo o ano. En fin....

Nós, igual que moitos veciños e veciñas, preguntámonos: que medidas concretas se teñen preparado para garantir o abastecemento durante este verán e o próximo? É fundamental que se poñan en marcha solucións urxentes que minimicen as molestias e aseguren a auga durante as épocas críticas mentres duren as obras.

E chama a atención que as iniciativas do BNG na procura de solucións concretas sobre este asunto -que levamos facendo desde hai perto dunha década- nunca tivesen acollida no grupo de goberno. E, na mesma tónica, enténdese que o BNG non estivese convidado ao acto de  hoxe. Esta actitude excluínte non contribúe ao diálogo nin á unidade necesaria para afrontar os retos que ten o noso concello.

Non basta con anunciar proxectos; cómpre que se executen con urxencia e eficacia, dando prioridade ás necesidades reais da veciñanza e respectando a participación de todos os grupos políticos e sociais implicados. Por isto, podemos valorar o acto de onte como parte dunha campaña de propaganda, un novo anuncio que ven a comunicar algo que xa todos e todas coñecemos. O que realmente queremos escoitar é o fin das obras e, sobre todo, a solución definitiva aos problemas do abastecemento de auga en Ares.

A saúde e o benestar da veciñanza están en xogo. Esperamos máis compromiso, inclusión e menos anuncios baleiros.