PSOE, NAL e PP rexeitan a proposta do BNG para compensar á veciñanza polas deficiencias no subministro de auga

No pleno celebrado onte debateuse a moción do BNG que, no seu punto terceiro solicitaba “que, en tanto non se preste o servizo coa calidade debida, se arbitren medidas para que non se lles facture a taxa por subministro de auga potable á veciñanza que padece a deficiencia do servizo; procedendo á devolución das taxas xa cobradas”. Este punto foi rexeitado polo resto dos partidos, tanto os do grupo de goberno (PSOE/NAL) como do PP (cada vez máis próximo ás súas posicións) alegando cuestións legais, pese á nosa solicitude de buscar fórmulas, que dentro da legalidade, permitisen articular medidas que compensen ás persoas que se ven prexudicadas na prestación deste servizo, pero polo que pagan como o resto da veciñanza que si goza do subministro con normalidade. 

Finalmente a moción do BNG foi rexeitada co voto en contra de PSOE, NAL e PP, presentando o alcalde unha emenda, retirando o dito punto 3 e substituíndoo pola demanda de reparar a tubaria que trae o auga dende as Forcadas que está danada na Ponte das Pías. 

Unha vez máis, asistimos por parte do goberno municipal de Ares, á pretensión de non asumir a súa responsabilidade na mala prestación dun servizo como o subministro de auga potable, competencia propia do Concello, derivándoa a outras administracións. 

Este alcalde, co seu grupo de goberno, que levan xestionando este concello dende o ano 2007, non poden eludir a súa culpa por non cumprir as súas obrigas na resolución deste problema durante moito tempo, dedicando os recursos municipais a outros investimentos “máis proveitosos”, como exemplos as estatuas e a compra de edificios, lease a casa de Chanteiro. 

Mentres tanto o PP ao seu, presentando unha moción sobre as eleccións en Venezuela... 

Neste mesmo pleno aprobáronse os días festivos de carácter municipal para o ano 2025. No día do voto de Chanteiro houbo unanimidade por parte de todos os grupos, non así no outro día, no que o BNG quedou en minoría defendendo a festividade do Mércores de Cinza, fronte ao día de San Xoán.