Nova crise de subministro de auga en Ares: o BNG esixe solucións urxentes
Como, lamentablemente, era de esperar, moitos veciños e veciñas de Ares volven atoparse coa impotencia de abrir as súas billas e non ver saír nin unha gota de auga. Unha situación que se repite ano tras ano, mentres o goberno municipal —que ten a competencia directa no subministro— continúa botando balóns fóra.
Din que xa fixeron moitas obras, que se trata dunha avaría puntual, que xa veu o presidente da Xunta a anunciar a licitación de novas actuacións… mesmo chegan a insinuar que a veciñanza que protesta está manipulada. Unha serie de escusas que, á vista dos feitos, non resolven o problema.
No BNG levamos moitos anos denunciando esta situación, igual que fixeron desde o verán pasado numerosos veciños e veciñas que sufriron cortes continuados e unha xestión deficiente deste servizo básico. E pese a todas estas denuncias, durante todo o ano non se tomou ningunha medida efectiva para evitar que este verán volvese repetirse a mesma situación.
Mentres tanto, destínanse recursos públicos a actuacións de dubidoso interese social, en lugar de investir en melloras urxentes que poidan paliar un problema tan grave como é o acceso á auga.
Para máis indignación, na web municipal non hai ningunha información oficial sobre a situación, e a única comunicación que existe está publicada no perfil persoal de Facebook do alcalde, un feito que demostra unha total falta de transparencia e un desprezo pola comunicación institucional. A veciñanza merece información clara, accesible e oficial, non mensaxes nas redes sociais persoais.
Xa van 18 anos desde que este goberno, encabezado por Julio Iglesias, chegou ao poder, e os problemas no subministro de auga xa estaban presentes daquela. Non serve dicir que hai unhas obras licitadas que, no mellor dos casos, estarán rematadas en 2027.
É unha irresponsabilidade deseñar un pobo que multiplica a súa poboación no verán ou aprobar un PXOM que prevé un aumento considerable de habitantes sen unha planificación previa da dotación de servizos básicos como a auga.
A veciñanza de Ares merece solucións reais, planificación e responsabilidade, non máis escusas nin propaganda.