A seguridade viaria non pode depender das festas patronais

A finais do mes pasado, dende o BNG de Ares —recollendo tamén numerosas queixas veciñais— denunciamos o lamentable estado das estradas do noso concello de titularidade da Deputación.
A falta de desbroce e a invasión de maleza converten estas vías en incómodas e inseguras para as persoas que camiñan por elas, e mesmo para os vehículos, especialmente na estrada DP-0403 de Cervás ao Baño.
Enviamos un escrito á Deputación demandando, con carácter urxente, o desbroce e limpeza das estradas Ares–Chanteiro, Redes–Ares e Cervás–O Baño, mais non recibimos resposta.
Esta semana interpelamos tamén ao goberno local para solicitar a súa intercesión. Descoñecemos se estas xestións se fixeron ou non, pero hoxe, 15 de agosto (festivo), atopámonos coa grata sorpresa de ver maquinaria realizando estes traballos tan agardados na estrada Ares–Chanteiro.
O curioso é que os traballos só afectaron ao tramo de Lubre.
Será casualidade... ou terá algo que ver que están de festas?
Continuarán inmediatamente co resto dos vías, ou haberá que esperar ás seguintes festas patronais?
No BNG temos moi claro que a seguridade viaria non pode depender do calendario festivo, senón da responsabilidade das administracións públicas para coas veciñas e veciños.