Sobre a sentenza que condena ao Concello de Ares por vulneración do dereito á igualdade
O BNG de Ares quere facer pública a súa posición ante a sentenza xudicial que condena ao Concello de Ares pola vulneración do dereito fundamental á igualdade dun traballador municipal. Cómpre lembrar que a sentenza non é firme e que, segundo manifestou o alcalde ao ser interpelado polo BNG, o Concello presentará un recurso limitado á contía da indemnización, ao considerar que non está correctamente calculada.
Con todo, a resolución xudicial recoñece de maneira clara a existencia dunha vulneración dun dereito fundamental. A sentenza fixa unha indemnización de 51.769,25 euros, máis os xuros correspondentes, unha cantidade que evidencia a gravidade dos feitos.
Desde o BNG consideramos que este caso non pode ser interpretado como un feito illado, senón que pon de manifesto un problema máis amplo nas políticas de xestión do persoal municipal. Na actualidade existen máis persoas traballadoras do Concello de Ares que se viron obrigadas a recorrer á vía xudicial para que se lles recoñezan dereitos que deberían ser garantidos de oficio pola propia administración.
A esta indemnización hai que sumar outras sentenzas xudiciais que obrigan ao Concello a compensar a traballadores e traballadoras municipais, o que non só pon en evidencia a gravidade da situación, senón que tamén supón un impacto económico relevante para as arcas municipais e, en consecuencia, para toda a veciñanza.
Esta realidade obriga a poñer seriamente en cuestión a maneira na que o grupo de goberno está a xestionar os recursos humanos do Concello. Unha administración pública debe actuar con criterios de igualdade, obxectividade e transparencia, evitando conflitos innecesarios que acaban xerando custos económicos e sociais.
O feito de que o recurso anunciado polo alcalde non cuestione o fondo da sentenza, senón unicamente a contía da indemnización, reforza a necesidade de asumir responsabilidades políticas e de introducir cambios profundos na maneira de xestionar o persoal e as contratacións municipais.
Desde o BNG queremos expresar o noso apoio e respecto polo traballador afectado, que se viu obrigado a acudir aos tribunais para que se lle recoñecera un dereito básico. Ningunha persoa traballadora debería ter que recorrer á vía xudicial para recibir un trato igualitario por parte da súa propia administración.
Do mesmo xeito, o BNG considera necesario revisar as políticas de contratación municipal, que en numerosos casos teñen xerado críticas públicas e dúbidas sobre o respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade. A existencia de relacións de parentesco ou afinidade co grupo de goberno xera desconfianza na cidadanía e deteriora a imaxe de imparcialidade que debe presidir a actuación dunha administración local.
Desde o BNG de Ares reclamamos transparencia, explicacións claras á veciñanza e a adopción inmediata de medidas que garantan que feitos semellantes non se volvan repetir. Gobernar implica asumir erros, corrixilos e actuar con exemplaridade. O dereito á igualdade non é unha opción política, senón unha obriga legal e ética, e o BNG de Ares seguirá traballando por unha administración pública xusta, transparente e ao servizo do interese xeral.