Tino Seco: “Os orzamentos municipais teñen moito de propaganda e moi pouco de atender as necesidades reais da veciñanza”.

Tino Seco, candidato á alcaldía.

O goberno municipal de Ares vén de aprobar os orzamentos municipais para este ano reiterando, máis unha vez, o incumprimento dos prazos que marca a lei no sentido de que as contas municipais deben estar aprobadas no exercicio anterior ao que van estar en vigor. Que un goberno municipal que conta coa maioría absoluta aprobe uns orzamentos que entrarán en vigor no vindeiro mes de maio indica, como mínimo, un xeito de goberno pouco transparente e rigoroso.

Segundo o candidato do BNG á alcaldía, Tino Seco, “todo apunta a que o goberno municipal non estivo agardando estes catro meses procurando racionalizar as contas municipais en función das necesidades reais da veciñanza de Ares, senón de procurar o financiamento aos proxectos que pretende “vender” en plena campaña electoral. E chama a atención que se pretenda presentar este orzamento como un exemplo de “sustentabilidade financieira”, cando o certo é que a débeda viva do concello sitúase a 31-12-22 en 3.997.992,96 euros, seguindo en liña ascendente...”

Seco apunta tamén que “resulta indecente que se apele a que os orzamentos van adicados preferentemente a atender a prestación dos servizos que demanda a cidadanía, referenciando esa cuestión coa hipotética resolución da problemática do abastecimento que arrastra o noso concello desde hai anos. Indecente porque quen así fala resulta que leva nada máis e nada menos que dezaseis anos no goberno municipal, sabendo das deficiencias que este servizo prantexaba e desestimando as demandas que desde o BNG estivemos a lle facer reiteradamente para que se puxese en marcha un plan urxente para resolver esa problemática”.

O candidato á alcaldía lembra que “o gasto municipal derivou nos últimos anos –nomeadamente nos últimos catro- cara a actuacións que nada teñen a ver coas prioridades que precisa a cidadanía. A compra de edificios sen saber cal vai ser a súa utilidade (casa da Mercé, en Chanteiro) ou o gasto en inmóbeis que nen sequera son de propiedade municipal (antiga rectoral de Ares) son un bó exemplo do que estamos a falar; sen esquecer o gasto que se fixo no fiasco do plan de “aparcadoiros” implementado o pasado ano”.

De modo que, chegadas as eleccións municipais, o goberno municipal utiliza o recurso ao que máis apego lle tén -o da propaganda- para lanzar unha serie de propostas que, na maioría dos casos, teñen máis de virtual que de realidade. Do tema da auga –alén do comentado sobre a falta de actuacións nos últimos anos- interesa comentar que o suposto compromiso da Deputación e da Xunta para abordar esta obra non pasan do protocolo de intencións; e queda aínda o compromiso económico plurianual para facer realidade esta necesidade máis que urxente. Así que a realidade é que, logo de perto de 20 anos á fronte do concello, o actual grupo de goberno non resolveu este problema.

Tino Seco sinala como “claramente fraudulento o anuncio do chamado “cemiterio municipal” que fixo o alcalde ao límite da lei; porque fai anuncio desta hipotética obra o día 6, cando desde a convocatoria das eleccións (4 de abril) non se pode facer propaganda nen anuncios sobre realizacións nen proxectos. E, por se fose pouco, resulta que se anuncia un procedimento para que a xente faga reserva de nichos; cando nen existe proxecto, nen valoración económica do que vai custar, nen do xeito que se vai financiar. Tanto é así, que nestes orzamentos para 2023 non figura un só euro para esta actuación. Impresentábel…”

Sobre o balance económico, o candidato á alcaldía polo BNG lembra que “este goberno municipal aumenta a débeda do concello e mantén uns impostos dos máis elevados da nosa comarca, mentras non mantén en condicións infraestruturas coma a rede viaria municipal. Un goberno que prefire derrochar fondos públicos nun suposto “novo club de remo” que non pasa de ser unha nave-almacén; en troques de elaborar un proxecto ambicioso, que atenda realmente as necesidades do remo en Ares. Un goberno que prefire gastar na instalación de esculturas sobre lendas, en troques de abordar un proceso de renovación e posta ao día da biblioteca municipal ou dinamizar unha política activa dirixida á nosa mocidade.”

Nesta valoración sobre os orzamentos, Seco remata dicindo que “adóitase decir sempre que os orzamentos son a expresión do proxecto político de quen goberna. E, no caso de Ares, expresan a dun goberno instalado no conformismo, carente de proxecto de futuro para o concello, irracional no gasto público e profundamente arrogante. Fronte a iso, para quen pensamos que Ares merece máis, o vindeiro 28 de maio temos a oportunidade de propiciar o cambio que o noso concello –as xentes de Ares- precisan; da man das propostas e do compromiso que facemos desde o BNG”.