“Unha cousa é gobernar para as necesidades da xente, e outra, a propaganda"

Tino Seco pon en valor o contacto coa veciñanza como modelo de goberno BNG

Tino Seco, no encontro en Cervás
O BNG de Ares comezou na pasada fin de semana unha rolda de encontros veciñais nas diversa parroquias do concello, que continuarán o vindeiro sábado en Chanteiro e o domingo en Ares. Un proceso que, en paralelo, permite tamén o achegamento de propostas e ideas da cidadanía vía telemática

A iniciativa deste proceso participativo é, segundo o canditado do BNG á alcaldía, Tino Seco “o xeito que sempre tivo o BNG de entender a política municipal: contacto coa xente para trasladarlle o que estamos a facer e para recoller as súas inquedanzas e convertelas en iniciativas”. Tino Seco foi rotundo ao afirmar que “cando a política municipal non está apegada ás necesidades da xente convértese en mera propaganda, o que na prática leva á dilapidación dos recursos públicos”.

O candidato do BNG fixo unha especial referencia crítica ao “balance máis que discutíbel dos dezaseis anos de goberno que leva o PSOE en Ares, que podemos resumir na aposta por proxectos e iniciativas efectistas do ponto de vista mediático; relegando a un segundo plano as actuacións nos temas que afectan ao día a día da veciñanza”. Seco puxo como exemplo “a cantidade de cartos investidos en obras que non teñen uso social, coma a malchamada “cidade deportiva de Pedrós” ou o investimento en edificios que non son de propiedade municipal –coma a antiga rectoral de Ares- mentras agora, logo de dezaseis anos, acórdanse que hai que priorizar unha actuación para solucionar o problema do abastecimento, que levamos reclamando hai anos desde o BNG”.

Tino Seco falou tamén “da irresponsábel deriva económica a que está a levar esta situación, porque é evidente que os recursos públicos non están a actuar para resolver as prioridades da xente, que non existe unha política de transparencia para sabermos onde van os nosos impostos” facendo unha especial mención ao feito de que “neste momento o grupo de goberno acuda novamente a aumentar a débeda para abordar proxectos que están pendentes desde hai tempo; porque estíveron durante anos a gastar en cousas prescindíbeis”.

Fronte a esta situación, o candidato do BNG explicitou que “no BNG apostamos por políticas de racionalidade, de control do gasto público e de priorización dos investimentos e actuacións municipais; a comezar polo que son as necesidades básicas en materia de servizos municipais , políticas sociais e achegamento da cultura e o lecer ao conxunto da veciñanza. Nunha palabra, gobernar desde e para a xente”.