O Humidal da Xunqueira, exemplo da degradación do noso patrimonio natural
Aproveitando os días de Nadal os concelleiros e a concelleira do BNG visitamos a Xunqueira, un elemento fundamental dentro do noso patrimonio natural, xa que ademais de ser un ecosistema rico en biodiversidade, tamén desempeña un papel importante na regulación hidrolóxica, protexendo as ribeiras e diminuíndo o risco de inundacións. Este tipo de habitats tamén actúa como "reserva de carbono", almacenando CO₂ e contribuíndo á loita contra o cambio climático.
Queremos chamar a atención sobre o estado actual da pasarela peonil na Xunqueira de Ares. Ademais do seu avanzado deterioro, este espazo enfróntase a problemas como o uso indebido para botellóns e a acumulación de lixo, que prexudican gravemente este entorno natural tan sensible.
Preocúpanos, ademais, que no seu momento se optase por unha intervención excesivamente invasiva no entorno, o que agrava o impacto ambiental nesta área protexida. É fundamental que calquera actuación sexa planificada con criterios de sostibilidade e respecto polo patrimonio natural.
O abandono desta infraestrutura non só incrementa o risco para as persoas usuarias, senón que tamén supón un gasto económico maior para o Concello na renovación dos elementos estruturais. Por iso, solicitámoslle aos responsables municipais que actúen de forma responsable:
- Renovar a pasarela con materiais respectuosos co medio ambiente e evitando solucións innecesariamente agresivas.
- Aumentar a vixilancia para previr usos indebidos, como os botellóns.
Garantir unha limpeza periódica e eficiente da zona.