transporte
Novas
Transporte

O Pleno de Ares aproba por ampla maioría unha moción do BNG para reclamar á Xunta melloras no transporte público escolar

O Pleno do Concello de Ares aprobou hoxe unha moción presentada polo BNG para solicitar á Xunta de Galicia a adecuación dos horarios e o reforzo do transporte público interurbano que emprega o alumnado do municipio para desprazarse aos seus centros de ensino.

A proposta contou cos votos favorables do BNG, PSOE e PP, mentres que o concelleiro de NAL se abstivo.

A moción pon de manifesto que Ares carece de oferta educativa en Bacharelato e Formación Profesional, obrigando ao alumnado a desprazarse diariamente a concellos limítrofes como Ferrol, Fene, Mugardos e Pontedeume, dependendo unicamente do servizo de autobuses interurbanos.

O texto aprobado denuncia que os horarios actuais non se adaptan ás necesidades do alumnado que estuda en Ferrol e Fene, provocando esperas excesivas e dificultando a asistencia regular ás clases. Ademais, recolle a grave situación do transporte a Mugardos, onde os autobuses circulan saturados, con estudantes de pé e sen garantías para persoas con mobilidade reducida, o que supón un risco para a súa seguridade. Tamén se subliña que o alumnado que estuda en Pontedeume nin sequera dispón de liña directa desde Ares.

O acordo plenario insta á Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da Consellería de Educación, a revisar e adaptar os horarios das liñas, así como a incrementar o número de autobuses na liña de Mugardos para garantir prazas sentadas suficientes e condicións dignas e seguras de desprazamento.

Unha segunda moción, tamén presentada polo BNG, foi aprobada cos votos favorables do BNG e PSOE, mentres que PP e NAL optaron pola abstención. O acordo expresa o apoio do Concello ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ás súas traballadoras, un servizo esencial para a atención ás persoas maiores e dependentes, que require unha maior dotación de recursos e melloras nas condicións laborais do persoal.

Coa aprobación destas iniciativas o BNG de Ares reitera o seu compromiso coa defensa dos servizos públicos, dos dereitos da mocidade e o acceso á educación en igualdade de condicións e co dereito a uns coidados dignos no ámbito comunitario.

Ler novas