O estado das estradas e dos camiños municipais afecta á seguridade da veciñanza.
Unha vez máis, e xa son moitas, dende o BNG de Ares estamos a denunciar o estado das estradas e camiños de responsabilidade municipal: estado lamentable do firme, fochancas que van medrando mes a mes, cunetas sen limpar... unha situación preocupante que afecta á seguridade e comodidade dos veciños e das veciñas. Os camiños cheos de fochancas e as cunetas invadidas de maleza poden causar accidentes de tráfico e danos nos vehículos, así como comprometer a seguridade de camiñantes e ciclistas.
Hoxe amosamos dous exemplos que non son máis que a punta do iceberg dos innumerables que atopamos no noso concello:
Un deles está no Pallizo, na parroquia de Caamouco, no cal as herbas e as silvas invaden o camiño, onde apenas pode circular un vehículo sen sufrir as rabuñaduras da maleza. Por non falar do penoso estado do firme e derrubamentos de terra das cunetas que invaden a calzada e dificultan a circulación, algún deles leva así varios anos apenas cunha ridícula sinalización.
O outro exemplo está en Cervás, na estrada que comunica esta parroquia co Baño, en Mugardos, onde unha obras de subministro de auga, que levan varios meses en execución, deixaron unha gabia aberta ao inicio dun camiño peonil moi frecuentado por camiñantes e ciclistas. A falta de sinalización, apenas un simple cono de obra, e o medre da herba que oculta a zanxa, fan deste lugar unha trampa para as persoas que por alí circulan.
Son moitas as queixas que recibimos da veciñanza afectada pola situación, sen que ninguén no concello atenda as súas reclamacións e que non queren esperar a que cheguen as festas patronais, que é o momento onde parece que se lles presta atención.
Dende o BNG esiximos a elaboración dun plan de mantemento e reparación das estradas e camiños municipais cunha programación anual e que atenda ao conxunto das vías do concello.