Outro atentado ao noso patrimonio: destrución do lavadoiro do Bordocedo
Outra vez temos que asistir a unha nova desfeita causada polos madeiristas, trátase neste caso do lavadoiro do Bordocedo en Cervás, un ben patrimonial que, pese ao seu estado de abandono, representa valores paisaxísticos, etnográficos e incluso emocionais moi valiosos para a nosa xente.
Hoxe, alertados por persoas que descubriron horrorizadas o desastre no Bordocedo, acudimos alí, para compartir con elas a consternación e a indignación polo sucedido: os muros e teito do lavadoiro escachados, a fonte cuberta de polas, os canos rotos...
Se meses atrás denunciabamos feitos parecidos na fonte da Tella e en moitas vías e camiños arrasados pola acción das empresas dedicadas á tala de madeira, tamén esixiámoslle aos nosos responsables municipais que actuasen para facer cumprir as ordenanzas que regulan esta actividade e que lle proporcionan ao Concello instrumentos máis que suficientes para actuar con contundencia en defensa dos intereses da veciñanza. Todo foi en van, os camiños seguen igual e semella que os madeiristas séntense impunes ante a ausencia de consecuencias.
Esixímoslle de novo ao Concello de Ares, contundencia en facer cumprir as ordenanzas, e que os responsables destes atentado ao patrimonio restauren e reparen os danos causados.
O BNG demanda no Congreso a devolución á veciñanza do "Centro" de Cervás.
Ares, 27 de xaneiro de 2024.- O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado por representantes do BNG de Ares –co portavoz,Tino Seco, á cabeza- mantivo onte á tardiña un encontro coa xunta directiva do “CIRS” de Cervás; co fin de darlles conta do contido da iniciativa (adxunta) presentada no Congreso para que éste reclame do goberno do Estado a devolución dos bens do “Centro” incautados en 1936.
Rego lembrou que “a Comisión de Réxime das Administracións Públicas do Congresos dos Deputados, en sesión do 26 de maio de 1998, aprobou unha Proposición non de Lei presentadas polo deputado do BNG, Francisco Rodríguez, na que se instaba ao Goberno a restituir as propiedades do “Centro de Instrucción, Proteción e Recreo” de Cervás á sociedade do mesmo nome”.
A reiteración desta demanda prodúcese, segundo Néstor Rego “ao amparo da Lei 20/2022 de Memoria Democrática, aprobada polo Congreso dos deputados, que podería permitir a resolución deste caso; xa que recolle no seu articulado o dereito ao resarcimento de bens incautados no levantamento fascista e na Ditatura; logo dunha auditoria que concrete o inventario dos bens incautados e as medidas de recoñecimento aos afectados”.
Ao amparo desa Lei, o BNG presentara xa unha pregunta no pasado mes de outubro –no que se cumpría o ano que fixa a Lei para a realización da auditoria- que tivo unha resposta do Goberno afirmando que o inventario de bens e dereitos incautados a incluir na devandita auditoría aínda non se realizou; e que as posíbeis vías de recoñecimento aos afectados serán iniciadas unha vez finalice a auditoría.
Neste contexto, Rego afirmou que “non é de recibo que pasados 88 anos dunha inxusta incautación, non se teña producido aínda a reparación e o recoñecimento á veciñanza de Cervás do dereito á propiedade –acreditada documentalmente- dos bens que foran adquiridos co esforzo económico e físico hai agora xustamente cen anos”.
Precisamente, co gallo da celebración do centenario da sociedade –fundada no ano 1924- o deputado do BNG lembrou que “temos unha boa ocasión para facer xustiza e reparación, da man do que xa recolle a letra do noso himno: os tempos son chegados…”