SOLICITA QUE A DEPUTACIÓN ASUMA A EXECUCIÓN DAS OBRAS PARA CORRIXIR A SITUACIÓN.
As deficiencias na estrada Ares-Chanteiro son levadas ao pleno polo BNG.
O BNG rexistrou unha moción ao pleno do concello, para que a institución reclame da Deputación de A Coruña a execución de obras complementarias á vista das deficiencias que se detectan na segunda fase da estrada Ares-Chanteiro; que a institución provincial rematou hai poucos meses.
Ao respecto deste asunto, o portavoz municipal do BNG, Tino Seco, lembra que “desde o comezo das obras de ampliación e seguridade viaria -tanto na primeira fase coma na segunda recentemente rematada- desde a nosa organización estivemos vixiantes ao respecto das condicións de execución das obras e tamén da reposición de servizos afectados polas mesmas; que no caso da primeira fase deixaron ao descuberto numerosas eivas, nomeadamente nas condicións de acceso ás fincas afectadas”.
E, ao igual que asara daquela, n o remate da execución da segunda fase da obra da estrada Ares- Chanteiro “fican novamente en evidencia eivas e carencias que afectan a algúns tramos da devandita obra, coma beirarrúas mal rematadas, incompleta ou deficiente reposición das entradas a algunhas propiedades e mesmo á dúbida sobre a consistencia dos muros construídos nalgúns tramos da estrada”, segundo apunta Tino Seco.
Con todo iso, e tamén facéndose eco das queixas que ao respecto está a facer a veciñanza de Chanteiro, o portavoz municipal do BNG entende que “procede que o pleno reclame da Deputación de A Coruña que á vista das deficiencias e carencias observadas na execución da segunda fase da estrada Ares- Chanteiro, se arbitren as medidas para levar a cabo á maior urxencia a execución das obras complementarias que correspondan para resolver as devanditas deficiencias”.