Orzamentos sen planificación, sen transparencia: votamos non

jakub-zerdzicki-zR7nFjjIAWE-unsplash

Un ano máis, e esta vez con catro meses de atraso, o grupo de goberno chega tarde e pide un cheque en branco para seguir xestionando Ares sen control real.

Estes orzamentos non son un exercicio de planificación: son a confirmación dun modelo esgotado de goberno, baseado na improvisación, na falta de transparencia e na ausencia de prioridades claras.

A débeda (case 4.000.000 €) xa condiciona o futuro do Concello. Sitúase no 42,9 % dos ingresos correntes, pero o máis grave é o que vén: compromisos plurianuais que poden disparar a carga financeira e limitar gravemente a capacidade de investimento futura.

Mentres tanto, seguen acumulando propiedades e terreos sen xustificación social clara, pero con altos custos de mantemento. Villa Dolores ou a reitoral de Ares son exemplos dun modelo que compra patrimonio sen proxecto nin utilidade definida.

A isto súmase a falta de concreción nos investimentos. Dos 3,4 millóns previstos, 3 millóns corresponden a Santa Catalina de Montefaro, unha actuación xa incluída en 2025 e que continúa sen executarse na súa totalidade, ademais de depender integramente de fondos do Estado. Os 400.000 € restantes nin sequera teñen un destino claramente definido. O documento sometido a votación apenas concreta actuacións.

Isto non é xestión: é falta absoluta de planificación e concreción.

Moitas das actuacións que se publicitan nin sequera aparecen con claridade no propio documento, e outras dependen case na súa totalidade doutras administracións.

E cando non hai argumentos, chega o de sempre: acusar ao BNG de votar contra obras necesarias como o campo do Numancia, o sistema de abastecemento de auga ou o abastecemento de As Poellas.

Pero isto é simplemente falso.

Son actuacións xa financiadas, xa apoiadas por nós e xa garantidas. Utilizalas como escusa para xustificar un mal orzamento é enganar á veciñanza.

Un orzamento non é un catálogo de obras: é unha folla de ruta política. E esta non existe.

O debate real é como se xestionan os recursos públicos e ao servizo de quen se poñen.

Acúsannos de irresponsables por votar en contra. Pero responsabilidade tamén é dicir non cando:

·       se propoñen gastos sen retorno social,

·       non se prioriza o mantemento de vías e camiños,

·       non se reforzan os servizos públicos,

·       non hai un modelo cultural definido,

·       a xestión turística se limita ao verán,

·       non se protexe nin se valoriza o patrimonio natural e urbanístico,

·       non existe unha política de persoal que responda ás necesidades reais do Concello e garanta unha contratación xusta,

·       e non se asegura unha xestión transparente, equitativa e participativa.

Por responsabilidade coa veciñanza de Ares, o BNG di claro e alto: NON a estes orzamentos.

Orzamentos sen planificación, sen transparencia: votamos non
Orzamentos sen planificación, sen transparencia: votamos non