NESTOR REGO: “É INDECENTE QUE O ESTADO MANTEÑA A TITULARIDADE DO MOSTEIRO DE MONTEFARO E NON APORTE UN EURO Á REHABILITACIÓN E POSTA EN VALOR”
O BNG presenta unha emenda para que os Orzamentos do Estado inclúan unha partida de 1,5 millóns de euros para rehabilitar Santa Catarina
O BNG demanda unha partida de 1,5 millóns de euros para abordar obras de rehabilitación e implementar o plan de usos do Mosteiro de Santa Catarina de Montefaro.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, trasladou hoxe ao responsábel local do BNG,Tino Seco, o contido da emenda que o BNG presentou ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023, na que se demanda unha partida de 1,5 millóns de euros para abordar obras de rehabilitación e implementar o plan de usos do Mosteiro de Santa Catarina de Montefaro. Unha emenda que, segundo Néstor Rego “pretende resolver unha situación que resulta indecente, por canto o Estado (Ministerio de Defensa) mantén a titularidade dun inmóbel declarado Ben de Interese Cultural mentras que non inviste un só euro”, lembrando que “non é de recibo que as obras desenvolvidas até o momento fosen por conta da Deputación e da Xunta e que o concello asuma o coidado e mantemento dunhas instalacións que son propiedade do Ministerio de Defensa”.
No encontro que mantivo con Rego, o responsábel local do BNG, Tino Seco, lembrou que “desde a sinatura do primeiro convenio entre Defensa e o Concello (ano 2000) a nosa organización foi crítica porque se bendice unha situación inxusta e claramente gravosa para o concello; que asume a responsabilidade de coidar e manter as instalacións, procurar achegas doutras administracións, mentras que Defensa non fai aportación económica algunha e, aínda por riba, pode pedir en calquera momento a reversión do Mosteiro sen dereito a indemnización algunha”.
Seco foi tamén crítico co grupo de goberno afirmando que “máis aló de recoñecer os pasos que deu no mantemento das instalacións, non se entende que após 22 anos non se resolva un tema fundamental, como é o modelo de xestión para o Mosteiro, o plan de usos que se quere desenvolver e, nomeadamente, os compromisos das distintas administracións para concretar esas accións”, cuestións nas que, insistíu, “estamos a demandar desde o BNG desde o minuto cero da “cesión” das instalacións que fixo Defensa ao concello; avogando por un modelo de consorcio ou fundación; segundo se ten enunciado tamén por moitas persoas expertas en xestión do patrimonio”.
Así é que, en paralelo á emenda aos OXE, Nestor Rego comprometeuse a presentar no Congreso unha nova iniciativa para que Defensa –o goberno do Estado, en definitiva- pasen “do desleixo e inacción aos compromisos efectivosna recuperación e mantemento dunha importante xoia arquitectónica, que atesoura importantes episodios da nosa historia” lembrando ademáis que “o 25% do territorio do concello de Ares está ocupado por instalacións e propiedades de Defensa; e isto debería derivar en acción compensatorias coa institución municipal, cando a realidade está a ser xusto a contraria”.