Abastecemento de auga: unha necesidade básica sen cubrir
Un ano máis, cando chegan os meses de verán, a veciñanza de Ares atópase co mesmo problema: a falta de auga nos seus domicilios. Caudal mínimo, falta de presión, non poder utilizar os electrodomésticos...
O BNG ven de interpelar ao goberno municipal no Pleno de onte acerca desta situación e a resposta do alcalde unha das habituais: a culpa non é nosa, é da Xunta que non executa as obras acordadas.
Ben, non imos entrar en detalles técnicos nin en disputas entre administracións, pero o deber de proporcionar o servizo do abastecemento de auga é competencia do goberno municipal e a este é a quen hai que esixirlle responsabilidades, sobre todo cando meses atrás, casualmente en vésperas das eleccións, declarábase “triunfalmente” resolto o problema do subministro de auga. Polo camiño quedaron obras eternas, instalación (previo pago) de válvulas redutoras, promesas...; e agora, que todo segue igual, que facemos?
No BNG botamos en falta iniciativa política e contundencia fronte a Xunta e sóbrannos falsas promesas e auto-compracencia. Non é un problema de agora, este goberno leva 17 anos sen resolver esta cuestión.
Dende o BNG esiximos que se lle dea a este tema a máxima prioridade para darlle á xente o servizo polo que está a pagar e ten dereito e proporcionar á veciñanza unha información real e precisa por moi negativa que sexa.