O BNG denuncia o progresivo deterioro da Xunqueira de Ares e demanda iniciativas concretas de ordenación do humidal.

xunqueira
Fotografías que ilustran o estado da Xunqueira.

O BNG de Ares constata o progresivo deterioro do humidal da Xunqueira e mesmo a existencia de zonas que supoñen un verdadeiro perigo para as persoas que transiten polo “paseo” de madeira que se adentra no humidal.

O BNG denuncia o progresivo deterioro da Xunqueira de Ares e demanda iniciativas concretas de ordenación do humidal.

O BNG de Ares constata o progresivo deterioro do humidal da Xunqueira e mesmo a existencia de zonas que supoñen un verdadeiro perigo para as persoas que transiten polo “paseo” de madeira que se adentra no humidal. Precisamente, sobre esa instalación, o responsábel local do BNG Tino Seco vén de afirmar que “a instalación do paseo de madeira foi unha pantalla sobre a que se oculta que non houbo unha intervención real para actuar nos problemas que aqueixan á Xunqueira: falta de limpeza e ordenación das canles que conflúen, vertidos incontrolados, proliferación de flora invasiva, etc….”, lembrando que na instalación do denominado paseo de madeira “lévanse investido máis de medio millón de euros; e todo indica que co progresivo deterioro da madeira continuaráse no gasto”

Tino Seco lembrou que “xa no momento de iniciarse o paseo de madeira por parte do actual grupo de goberno, desde o BNG chamamos a atención sobre a necesidade de implementar un verdadeiro proxecto de ordenación; que permitise a recuperación do humidal e do seu papel como zona de equilibrio medioambiental; tal e como se concluía nun estudo encargado polo propio concello e financiado pola Xunta no ano 1993”. Precisamente, naquel estudo realizado pola empresa ABISUB, suliñábanse as seguintes potencialidades do espazo, no tocante á flora:

- "Existencia da máis grande formación existente na Galiza da chamada “palla real”(Typha Latifolia), así como doutras dúas (Typha angustifolia e Typha dominguensis) que son especies raras ou rarísimas.

- A “Carex riparia”, única en Galiza pola súa extensión.

- Existencia nos prados que arrodean a parte posterior da Xunqueira dun pequeño fento chamo “língua de serpe” (Ophyoglossum vulgatum) dos que tén aparecido ún na provincia de A Coruña e dous máis en toda Galiza.

Ao mesmo tempo, suliñaba ao respecto das especies da fauna:

- Existencia de avefrías nas beitas da Xunqueira, carriceiros na masa de prantas acuáticas ou ánades reais ou polas de auga na parte profunda.

- Tamén podían atoparse comunidades de visón (Mustela visón), comadrexa (Mustela nivalis), nutria (Lugra lutra) ourizo común (Erinaceus europaeus) ou mesmo raposo (vulpes vulpes).”

Unha situación crítica contra da que o estudo concretaba as propostas que se consideraban necesarias e urxentes, a saber:

1. Prohibición inmedidata dos vertidos e retirada dos existentes. Limpeza das canles que verten ao humidal.

2. Adaptación do terreo até volver á morfoloxía natural.

3. Revexetación da zona húmida con especies autóctonas co obxecto de recuperaro entorno e abastecer de alimento ás aves que viven na zona.

4. Manter a calidade das augas, evitando os procesos de eutrofización.

5. Desenvolvemento dunha política de conservación e xestión mediante unha ordenación racional do territorio, avaliando a posibilidade de urbanización fóra da marxe da lagoa, sempre que se conte con sistemas de evacuación de augas residuais.

6. Posibilidade de urbanización dos entornos da Xunqueira para uso agrícola ou gandeiro, sempre que se manteñan criterios de control, sobre todo na utilización de abonos.

7. Estudo faunístico e florístico para avaliar máis polo miúdo a diversidade ecolóxica da zona.

8. Estudo hidrolóxico e xeomorfolóxico da zona co obxecto de planificar de xeito adecuado un futuro asentamento urbano.

Precisamente, coa perspectiva posta nesas medidas urxentes e necesarias, o BNG vai poñer en marcha diversas iniciativas para concretar un verdadeiro proxecto de ordenación da Xunqueira, priorizando aso actuacións e facendo un acaído uso dos recursos públicos; o que require abandonar a política de apariencias e propaganda e gobernar con rigor.

*Achégase ligazón do vídeo que reflicte o estado da Xunqueira.    https://fb.watch/igHq6QMD5A/

 

O BNG denuncia o progresivo deterioro da Xunqueira de Ares e demanda iniciativas concretas de ordenación do humidal.