DENÚNCIASE A PERMISIVIDADE DA CORPORACIÓN MUNICIPAL CUNHA INSTALACIÓN ILEGAL E PERIGOSA.
O BNG pide que o Concello actúe fronte ao caos das antenas de Montefaro.
O BNG pide que o Concello actúe fronte ao caos das antenas de Montefaro e denuncia a permisividade cunha instalación ilegal e perigosa.
O responsábel local do BNG de Ares, Tino Seco, na compaña do concelleiro Miguel García Paz, xiraron hoxe visita a Montefaro, co obxecto de visualizar a situación realmente caótica no que se refire á proliferación de antenas de comunicación nesa zona; que neste momento suman un total de 15. Falamos dun proceso que se remonta a décadas atrás; cando o control sobre os efectos medioambientais e urbanísticos –e tamén os referentes á saúde- eran praticamente inexistentes; o mesmo que os referentes ás compensacións económicas aos concellos onde se ubican este tipo de instalacións. Mais, con todo, semella que en Ares continuamos coma daquela...
Así, a iniciativa adoptada polo BNG ten a ver, segundo Tino Seco “coa constatación do incumprimento da normativa urbanística e, nomeadamnte, da ordenanza que o Concello aprobaba no ano 2009; que regula os procedementos para ubicación deste tipo de instalacións”. O responsábel do BNG puxo de manifesto que “non é xa que non se conseguise unha política de boas prácticas –como podería ser acadar a unificación das emisións nas antenas xá ubicadas, coma nalgún caso sí se fixo- senón que o cumio de Montefaro semellaría estar no récord de instalación de antenas por metro cadrado… E, como se isto fose a selva, cada empresa semella escoller o lugar que mellor lle parece; sen importarlle nada a repercusión estética ou urbanística, ou mesmo a propiedade dos terreos ou construccións nas que se ubica”.
Referíase Tino Seco á última instalación ubicada na zona de Montefaro; que corresponde a unha licenza solicitada no ano 2014 pola empresa “Audiovisuais SOGAVI, S.L.” para a instalación dunha torre de comunicacións e ocupación dunha parcela propiedade do Ministerio de Defensa. Licenza que, segundo afirmou “semella ter un longo e tortuoso percorrido; xa que nun informe elaborado polo Arquitecto Técnico Municipal en Xuño de 2019 evidéncianse numerosas irregularidades: instalación no terreo do Ministerio de Defensa e ocupación doutros terreos particulares, incumprimento en canto a cementacións e altura, utilización do subministro eléctrico do concello, etc…”
Unha situación que, a pesar de terse incoado un expediente de reposición da legalidade, “a evidencia lévanos á conclusión de que non se ten producido modificación algunha na resolución das irregularidades e adaptación das instalacións á legalidade, non só no relativo á normativa municipal, senón tamén a outras de carácter sectorial”, segundo afirmou o responsábel local do BNG, que lembrou que canda a aprobación da ordenanza polo pleno municipal no ano 2009 o alcalde facía unhas tallantes declaracións a algún medio de comunicación, afirmando que a ordenanza contemplaba "…un prazo de seis meses contado desde a súa entrada en vigor, para que o Concello realizara un rexistro especial no que figurasen, entre outros datos, o número de antenas existentes neste municipio e a dedicación da súa actividade, para que ditas compañías de telecomunicacións presentaran o seu respectivo proxecto, para concluir dicindo que as que non fosen legalizadas no prazo de seis meses …serían precintadas por parte da Policía Local”. Pasaron trece anos e, en troques de ordenar o que había, continúase coa desorde.
Á vista do anterior, o Grupo Municipal do BNG presentou no Rexistro do Concello un escrito no que demanda da alcaldía:
1.- Que se acredite –con informe dos servizos técnicos e xurídicos do Concello- se a obra solicitada no ano 2014 pola empresa “Audiovisualis SOGAVI, S.L.” para a instalación dunha torre de comunicacións cumpre coa legalidade no tocante á normativa municipal actualmente en vigor, así coma outras de carácter sectorial.
2.- Que se informe se a instalación da antena invade terreos do Ministerio de Defensa e outros de carácter particular; así coma de se cumpre no referente a medidas de seguridade: cimentación, altura, ventos, retranqueos….
3.- Que se concrete se as obras de instalación do subministro eléctrico desta instalación tiveron aportación económica por parte do Concello –indicando o gasto correspondente- así cómo de quen está a facerse cargo dos gastos do devandito subministro.
4.- Que se aclare se o Concello de Ares dispón dunha frecuencia adxudicada para emisión da radio municipal (107,5 FM) e se a mesma está sendo utilizada por SOGAVI dende un lugar non autorizado para este fin.