O BNG reclama investimentos para Ares nos orzamentos da Xunta para 2025
Os deputados do BNG pola nosa comarca no Parlamento Galego – Xosé M. Golpe e Mon Fernández- presentaron en rolda de prensa as emendas aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano correspondentes á nosa comarca; entre as que figuran un número importante delas referentes a demandas de investimentos e actuacións no concello de Ares. Demandas que nalgún caso responden a reivindicacións históricas, e outras novidosas referentes a necesidades urxentes; mais todas relacionadas coa dotación de servizos básicos, defensa dos servizos públicos e creación de emprego.
Así, nas emendas inclúese a dotación de partidas específicas para o estudo dun novo sistema de abastecimento de auga aos concellos da área; que non faga depender exclusivamente a dotación deste servizo -non exento de problemas- da que actualmente recibimos do concello de Ferrol. Igualmente, reclámanse investimentos no saneamento da ría e rexeneración dos bancos marisqueiros da ría de Ares; como un incentivo para a recuperación da actividade e potencial económico deste sector.
En materia de política social, o BNG aposta por implementar melloras no Centro de Día, para poder aumentar as prazas en función da ampla demanda hoxe existente para que as actuais instalacións non teñen capacidade. Tamén -dentro dunha proposta que afecta a varios concellos da comarca- a demanda de maior dotación de persoal nos centros de saúde; que permitan resolver os problemas de atención e listas de agarda que se veñen rexistrando a cotío.
A reclamación dunha actuación no CPI “As Mirandas” para resolver os problemas que se veñen detectando no edificio de secundaria, no que práticamente non se fixeron actuacións desde que fora construido hai várias décadas. Unha actuación que, por certo, complementaría as que actualmente se veñen facendo no CPI e a construción dun módulo para educación infantil; logo de varios anos de loita da comunidade escolar e das demandas polo BNG que, afortunadamente, foron asumidas pola Xunta.
Unha das demandas nas que desde o BNG vimos insistindo desde hai anos é a de actuacións para a rehabilitación e protección dos cascos históricos de Ares e Redes; que contan cun importante e singular conxunto de vivendas sobre as que resulta urxente actuar para a súa rehabilitación e posta en valor. Unha urxencia sobre a que o BNG fixo prioridade cando a elaboración do actual PXOM, sen que desde o goberno municipal se atendese a necesidade de creación destas áreas de rehabilitación que, entre outras cousas, permitirían importantes achegas económicas para as persoas promotoras da rehabilitación destas vivendas.
A rehabilitación e posta en valor do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro é outra das prioridades para as que o BNG demanda novos investimentos da Xunta; complementando as xa realizadas dentro do Plan Director que -cúmpre lembralo novamente- fora elaborado no ano 2008 desde a Consellaría de Cultura, daquela gobernada polo BNG. E lembrar tamén a necesidade de articular unha figura de xestión -padroado, fundación.... – que permita non só sistematizar as actuacións que están a facer as diversas administracións; senón fixar tamén o plan de usos das instalacións.
Finalmente, desde o BNG demándase da Xunta unha intervención urxente para a erradicación de especies invasoras no noso concello -específicamente a Herba da Pampa (Cortaderia selloana) que nos últimos tempos están a colonizar importantes zonas do noso concello, e que supón un verdadeiro problema para outras especies autóctonas e mesmo para o equilibrio ecolóxico.
Terá que ser agora o Parlamento Galego o que decida darlle vía libre a estas peticións, asumindo as demandas que facemos desde o BNG que son, en definitiva, as que reclama tamén a veciñanza de Ares para facer un concello ao servizo das persoas.