Fractura na rede de saneamento: motivos e solucións
A fractura dun tramo do colector do saneamento na praia de Ares entendemos debe ser afrontada –por tratarse dunha obra que afecta a un servizo fundamental e por ser executada con recursos públicos- con total transparencia, quer no tocante aos motivos que poideron motivar este feito, quer nas posíbeis responsabilidades que se poidan concluir, ou tamén nas solucións para resolver a situación. Por iso, desde o primeiro día, o BNG –co seu grupo municipal á fronte- estivo atento ao que acontecía, personándonos no lugar para verificar o acontecido; mais tamén demandando do goberno municipal que se nos trasladase a información oficial dentro da corporación, e tamén ao conxunto da opinión pública. Unha demanda que, infelizmente, non foi atendida aínda.
Semella que o goberno municipal manexa este asunto –igual que outros moitos- cunha visión moi particular, que consiste en trasladar á cidadanía a “información” de grande parte dos asuntos municipais polas redes sociais do alcalde; mentras non se pubrica nada nen na web nen no Facebook do concello. Unha anomalía que é urxente resolver, porque os acceso aos medios públicoso é un dereito da veciñanza; mais tamén un deber do goberno municipal.
E, nesa mesma liña, tampouco se produce o necesario debate colectivo –falamos dos órganos da corporación- para termos acceso aos datos e informes técnicos existentes que axuden a aclarar as razóns que motivaron a fractura do tramo do saneamento e tamén das propostas para resolver a situación; e mesmo adoptar as medidas para evitar que se poida repetir noutros tramos, nomeadamente nos que aínda fican soterrados na praia. Por non falarmos tamén dos posíbeis efectos que poideran ter os vertidos na zona de praia afectada.
Sobre este particular, ao día seguinte á fractura da tubaxe -a requerimento do noso portavoz municipal, Tino Seco- o alcalde comprometíase a convocar a Xunta de Voceiros para abordar formalmente o asunto como corporación municipal; analizando a información e tomando os acordos que procedan. Unha reunión que tería que producirse logo do pleno do pasado día 26, pero que ao final nen se convocou; polo que o único que fixo o alcalde foi comentarnos a súa valoración persoal do acontecido e tamén do que ten pensado que hai que facer…
Unha actitude que non nos parece responsábel tendo en conta do tema do que estamos a falar. Non hai que esquecer que esta obra é parte do proxecto de saneamento e depuración dos concellos de Ares, Mugardos e Fene -executado pola Xunta cun orzamento de 87 millóns- comezando as obras no 2008 e entrando en funcionamento no 2014. E precisamente por iso, a corporación –tamén o conxunto da cidadanía- ten dereito e mesmo deber de reclamar transparencia no referente ás razóns que levaron á fractura das tubaxes. Que nos aclaren se o problema é que o proxecto tiña deficiencias, ou se non se executaron as obras conforme ao proxecto. E, sobre todo de cómo se van afrontar as obras de reparación, aclarando tanto os aspectos técnicos como tamén os recursos económicos.
A transparencia, o debate e mesmo a delimitación de responsabilidades cando se produce un feito que afecta á execución dunha obra pública é un procedimento que debe de abordarse dun xeito colectivo, nos órganos da corporación, e con información certeira ao conxunto da cidadanía. Iso é o que demandamos e, á vista dos feitos, seguiremos a reiterar.