O goberno local rexeita o debate da auga a pesar da recollida de máis de 700 sinaturas da veciñanza.
No pasado mes de setembro un grupo de veciños e veciñas de Ares presentaron no rexistro do Concello case 700 sinaturas acompañadas da petición de “adopción de medidas urxentes necesarias por parte das distintas administracións implicadas, para a resolución de forma urxente do problema de abastecemento da auga e garantir así o acceso a un dereito básico por parte da veciñanza”. Solicitando ademais levala ao pleno do mes se setembro para a súa aprobación polo mesmo, permitindo a intervención dunha veciña, en representación do colectivo, no mesmo e pedindo a implicación do Alcalde –como máximo responsable- na resolución do problema.
Pois ben, a maioría PSOE/NAL non considerou oportuno debater a demanda da veciñanza no dito pleno do mes de setembro co débil argumento de que non fóra cualificada pola comisión correspondente; continxencia que podería ter sido facilmente arranxada, tal como se fai en innumerables ocasións. O que non houbo foi vontade política de darlle voz no pleno ás demandas dos veciños e das veciñas.
Onte, nun novo capítulo do despropósito no que se está a converter a xestión por parte do goberno municipal deste asunto que afecta a moitas persoas en Ares, xa por fin se debateu en comisión e, de novo, a moción foi rexeitada polo PSOE/NAL (coa abstención por parte do PP), esta vez co pueril argumento de non ter falado (este colectivo) previamente co alcalde. Nin que os veciños e veciñas fosen súbditos “da súa maxestade”! A cidadanía de Ares demostrou que é maior de idade e que ten capacidade para facer valer os seus dereitos e reivindicacións como considere oportuno.
No BNG de Ares defendemos o dereito á participación cidadá nas sesións plenarias para que as voces da veciñanza se escoiten, e todas as persoas poidan expresar as súas opinións e contribuír á toma de decisións.
Seguimos a demandar información clara sobre as solucións propostas es os prazos de execución para garantir que o subministro de auga chegue a todos os domicilios de Ares.
Evitar o debate sobre este problema non o vai resolver. É fundamental escoitar diferentes perspectivas e buscar solucións colaborativas.