O Estado lembra que ten propiedades descoidadas en Ares.
Nestes días coñecemos a nova do investimento por parte do Ministerio de Industria e Turismo de 3 millóns de euros no mosteiro de Santa Catarina de Montefaro. Para o BNG é unha boa noticia, que ven paliar -en parte- a débeda histórica que o goberno do Estado ten coa conservación do mosteiro. Non debemos esquecer que Santa Catarina é propiedade do Ministerio de Defensa e, pese ao precario convenio co Concello de Ares, é ao estado a quen lle competiría conservar este ben patrimonial. O único que está a facer o ministerio e cumprir co seu cometido.
É de lamentar que o Alcalde, Julio Iglesias, aproveite a boa nova, non para gabarse da situación e poñer en valor o papel do goberno encabezado polo seu partido, feito totalmente lexítimo e comprensible, senón para atacar ao BNG poñendo en cuestión o papel que a Deputación da Coruña xoga na conservación do noso mosteiro. Parece que para o alcalde a Deputación - cogobernada polo PSOE e BNG- é boa ou mala, independentemente da xestión de cada area de goberno, non en función dos intereses dos veciños e veciñas de Ares, senón en función dos seus particulares intereses políticos.
Esquece Julio Iglesias que a Deputación de A Coruña leva realizadas, ademais de grandes inversións en Santa Catarina, máis de 1 millón de euros para remediar a nefasta xestión do goberno municipal no abastecemento de auga. O mesmo acontece coa Xunta de Galicia, a única administración que aínda non aportara un só euro é, vaia paradoxo, a propietaria da instalación: o goberno do Estado.
Esperamos que este investimento supoña un cambio de rumbo na xestión que desenvolve o concello de Ares en Santa Catarina, que serva tanto para mellorar o estado das instalacións e as obras artísticas como, sobre todo, para reverter unha xestión que está degradando o edificio.
É fundamental que os recursos se destinen a frear o deterioro que ameaza este patrimonio e a impulsar unha planificación máis coidadosa e sostible, que priorice a súa conservación e posta en valor. Só así será posible devolverlle a Santa Catarina a súa relevancia histórica, cultural e social, converténdoa nun espazo digno e útil para a cidadanía.