TRAMITARÁ DENUNCIA PERANTE O SEPRONA POLA ACCIÓN DOS MADEIRISTAS.
O BNG esixe responsabilidades polas desfeitas nos camiños municipais.
“Aquí semella que é terra de ninguén, que non hai control nen se aplica a lei; e mandan os madeiristas”. Deste xeito expresábese o portavoz municipal do BNG, Tino Seco, na visita que representantes do BNG de Ares fixeron no día de onte ao camiño que vai á Fonte da Tella, en Lubre, co obxecto de verificar a denuncia de varias persoas da zona ao respecto das desfeitas producidas nos camiños pola acción dos madeiristas.
Alí poideron comprobar –como se reflicte nunha ampla reportaxe fotográfica- un acceso á fonte e lavadoiro totalmente destrozados polo paso de maquinaria pesada, a anulación das canalizacións das augas e a imposibilidade material de acceder a algunhas das fincas. “Os rastrollos e restos da talla fican sementados polas fincas unha vez que se fixo a talla das árbores, e mesmo deixan restos de refugallos dos combustíbeis utilizados” engadía o portavoz municipal, indicando que “chove sobre mollado, porque este panorama repítese a cotío nos viais municipais que os madeiristas utilizan para acceder ás fincas nas que fan as tallas”.
Seco lembrou que “o concello de Ares dispón desde hai 23 anos dunha ordenanza sobre a talla, transporte e depósito de madeira, que obriga a solicitar permiso, depositar fianza e estabelece sancións polo incumprimento; mais o desleixo do goberno municipal converte á institución municipal en cómplice do que está a acontecer” aseverando ademáis que “contrasta a falta de control sobre estas accións contra da rede viaria municipal coa dilixencia coa que se emprega a institución municipal en, por exemplo, adicar exclusivamente a Policía Local a multar nas zonas de aparcadoiros”.
En todo caso, alén das iniciativas que poida tomar a nosa organización, o portavoz municipal adiantou tamén que “imos presentar unha denuncia perante o SEPRONA, porque estas accións contra do patrimonio natural e forestal e da rede viaria, sitúanse claramente no ámbito delictivo. E a inacción do concello demostra que quen cala, consente.”