A Xunta practica o feísmo en Redes
O BNG critica a falta de transparencia na obra de asfaltado da rúa Gaspar Rodríguez en Redes
Desde o BNG queremos manifestar o noso malestar pola actuación que se está a desenvolver nestes días na rúa Gaspar Rodríguez, en Caamouco, consistente no asfaltado integral da vía. Trátase dunha obra executada pola Xunta de Galicia, da que o Concello tiña coñecemento, pero que en ningún momento foi comunicada nin aos grupos políticos nin á veciñanza.
No BNG soubemos da existencia desta actuación ao ver as máquinas traballando, o que evidencia unha absoluta falta de transparencia e participación. Non se abriu ningún espazo de diálogo, nin se recolleron achegas, nin se informou previamente sobre o alcance nin as características da obra.
Especialmente grave é o feito de que se estea a utilizar asfalto nun núcleo con alto valor patrimonial e paisaxístico como é o de Redes, sen ter en conta a súa singularidade nin adoptar solucións acordes cunha contorna que debería ser coidadosamente preservada.
Desde o BNG reiteramos que defendemos a mellora e o mantemento das vías públicas, pero entendemos que calquera intervención debe facerse con planificación, criterios técnicos adecuados e respecto pola identidade dos lugares. Actuacións coma esta poñen de relevo, unha vez máis, a necesidade de que Redes conte cunha figura específica de protección e rehabilitación, tal e como propuxo o BNG no ano 2007, que garanta intervencións coherentes e sensibles co seu carácter.
O BNG seguirá esixindo que as administracións actúen con transparencia, que se promova a participación cidadá e que se respecte o patrimonio como parte esencial dun modelo de desenvolvemento sostible e con identidade.