O CONCELLO TEN A OBRIGA DE SUPERVISAR AS TALAS E FACER CUMPRIR AS ORDENANZAS ÁS EMPRESAS RESPONSABLES.
Outro atentado ao noso patrimonio: destrución do lavadoiro do Bordocedo
Outra vez temos que asistir a unha nova desfeita causada polos madeiristas, trátase neste caso do lavadoiro do Bordocedo en Cervás, un ben patrimonial que, pese ao seu estado de abandono, representa valores paisaxísticos, etnográficos e incluso emocionais moi valiosos para a nosa xente.
Hoxe, alertados por persoas que descubriron horrorizadas o desastre no Bordocedo, acudimos alí, para compartir con elas a consternación e a indignación polo sucedido: os muros e teito do lavadoiro escachados, a fonte cuberta de polas, os canos rotos...
Se meses atrás denunciabamos feitos parecidos na fonte da Tella e en moitas vías e camiños arrasados pola acción das empresas dedicadas á tala de madeira, tamén esixiámoslle aos nosos responsables municipais que actuasen para facer cumprir as ordenanzas que regulan esta actividade e que lle proporcionan ao Concello instrumentos máis que suficientes para actuar con contundencia en defensa dos intereses da veciñanza. Todo foi en van, os camiños seguen igual e semella que os madeiristas séntense impunes ante a ausencia de consecuencias.
Esixímoslle de novo ao Concello de Ares, contundencia en facer cumprir as ordenanzas, e que os responsables destes atentado ao patrimonio restauren e reparen os danos causados.