Coma sempre, depende de nós...

Imaxe artigo banda ancha
Coma sempre, depende de nós...

Pois semella (e non vai sen tempo) que a banda ancha vai ser unha realidade en Cervás; logo de que se mantivera unha situación de discriminación para as xentes da parroquia, impedindo a moita xente dispór dun servizo necesario para desenvolver o seu traballo e incide negativamente na posibilidade real de fixar poboación nas parroquias que se pregoa polas administracións aos catro ventos.

Unha situación que foi obxecto nos últimos anos de iniciativas de veciñanza da parroquia, con recollida de sinaturas e numerosos escritos dirixidos á Xunta e á Administración do Estado; pondo de manifesto os perxuizos que se derivan para as persoas que habitan nestes núcleos; e evidenciando que o tan cacarexado direito ao acceso ás novas tecnoloxías non pasaba de ser propaganda.

E foi precisamente ao fío desa iniciativa veciñal, cando desde o BNG decidimos acompañala coas iniciativas políticas perante o Goberno do Estado –responsábel  do “Programa de Universalización de Infraestructuras Digitales para la Cohesión (UNICO)” impulsado polo Estado para a instalación da banda ancha nos núcleos que non dispoñen do servizo- demandando concreción de prazos e investimentos concretos para o caso que nos ocupa.

A comezos do pasado ano, presentábamos a primeira iniciativa por medio do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, da que tiñamos a correspondente resposta na que se concretaban os investimentos xenéricos a desenvolver dentro do Programa comentado na provincia da Coruña, mais sen especificar investimentos e prazos concretos para o proxecto de dotación de banda ancha en Cervás.

Foi así coma no pasado 14 de maio presentamos unha nova pregunta no Congreso, na que se demandaban resposta ás seguintes cuestións:

1.- É consciente o goberno do mantemento da discriminación dos núcleos da parroquia de Cervás (concello de Ares-A Coruña) polo feito de non dispór de acceso á banda ancha, e dos perxuizos a particulares e empresas de precisan deste servizo?

2.- Figura a dotación deste servizo nos núcleos referidos no punto anterior dentro dos plans aprobados polo goberno dentro do “Programa de Universalización de Infraestructuras Digitales para la Cohesión” dentro da Convocatoria do Plan Único-Banda Ancha 2023?

3.- Se é así, que prazos e investimentos están previstos para a execución dese proxecto ?

A resposta á pregunta –que se producíu o pasado 19 de xuño- indicaba que os dous proxectos de instalación da banda ancha –adxudicados á empresa VENTO REDE, S.L. -rematan 31 de decembro desde ano e 31 de xaneiro do 2025 respectivamente. En paralelo (oh, coincidencia!) resulta que comeza a instalación da rede polos lugares da parroquia, que permite xa a conexión de moitas vivendas ao servizo.

Pois iso….Que a boa nova de contar co servizo –que non é un privilexio, senón un direito- non esqueza que o mesmo foi posíbel grazas á iniciativa da veciñanza, das persoas que promoveron a recollida de sinaturas e petaron nas portas das administracións. E que desde o BNG o que fixemos foi levar as xustas demandas á administración competente –o Goberno do Estado- para procurar as solucións que finalmente chegaron. E aí seguiremos…

Coma sempre, depende de nós...