A Deputación mellorará a estrada DP-403 entre Cervás e O Baño
A deputada provincial do BNG, Cristina García Rey, visitou este martes o concello de Ares para coñecer de primeira man o estado da estrada provincial DP-403, que comunica Cervás co lugar do Baño, no concello veciño de Mugardos. Na visita estivo acompañada polos concelleiros e concelleira do BNG en Ares: Tino Seco, Carme Brage e Miguel García.
A estrada será obxecto dunha actuación de ampliación e mellora, cuxo proxecto técnico está actualmente en fase de redacción por parte da Deputación da Coruña. O obxectivo é incrementar a seguridade viaria e mellorar a conexión entre os dous concellos. Trátase dun tramo moi transitado que presenta deficiencias e cuxa intervención integral é necesaria para mellorar a seguridade tanto do tráfico rodado como das persoas que transitan a pé.
Durante a súa estadía no municipio, a deputada tamén supervisou outras actuacións que a Deputación está a desenvolver en Ares, no marco da súa colaboración cos concellos para reforzar os servizos públicos e mellorar as infraestruturas locais, especialmente no ámbito rural e costeiro.
Desde o BNG subliñan que este tipo de investimentos son “fundamentais para garantir a calidade de vida da veciñanza e avanzar nun modelo de mobilidade segura, funcional e sostíbel”.