#ares
Novas
Tino Seco e Néstor Rego, nun encontro en Cervás

O BNG denuncia a falta de cobertura na banda ancha de Cervás

O BNG rexistrou unha nova iniciativa no Congreso dos Deputados sobre a falta de cobertura da banda ancha nos núcleos da parroquia de Cervás, insistindo na que xa presentara o 30 de xaneiro do pasado ano; na que facía fincapé nos perxuizos derivados para as persoas e empresas deses núcleos que precisan deste servizo para desenvolver o seu traballo ou, simplemente, acceder ao sistema sen ter que aturar baixa velocidade , cortes de servizo, etc….

Dentro das cuestións das que demandaba resposta o deputado do BNG Néstor Rego, figuraba a de aclarar as previsións dentro do “Programa de Universalización de Infraestructuras Digitales para la Cohesión (UNICO)” impulsado polo Estado para a instalación da banda ancha nos núcleos nos que nos estamos a referir. Nese programa figuraba un proxecto adxudicado a Movistar, que presuntamente tiña como obxectivo ampliar a banda ancha no concello de Ares, aínda que das consultas feitas daquela coa devandida empresa non se se concretaban prazos para achegar a banda ancha aos núcleos de Cervás que non dispoñen dela.

Segundo aclara o portavoz municipal do BNG, Tino Seco “na resposta que deu o Goberno á pregunta do BNG asegúrase que no caso da provincia de A Coruña están en marcha axudas por vaor de 13.369.858 M€ a desenvolver en diversos concellos, entre os que figuran o de Ares. Mais o certo é que, a data de hoxe non existe información algunha ao respecto, manténdose a situación de aillamento e discriminación destes núcleos no acceso á banda ancha”.

A maiores, incide Tino Seco, “na páxina do Ministerio para a Transformación Dixital figura un listado de proxectos de ampliación da cobertura de banda ancha aprobados para o ano 2023 –nos que figuran o adxudicado na provincia de A Coruña á empresa VENTO REDE S.L., cun orzamento de 5.893.398€- que non sabemos se complementa ou substitúe ao anteriormente comentado. Mentras tanto, mantense a discriminación para as xentes de Cervás”.

Ao fío desta situación, Néstor Rego formula na súa iniciativa as seguintes preguntas ao Goberno:

1.- É consciente o goberno do mantemento da discriminación dos núcleos da parroquia de Cervás (concello de Ares-A Coruña) polo feito de non dispór de acceso á banda ancha, e dos perxuizos a particulares e empresas de precisan deste servizo?

2.- Figura a dotación deste servizo nos núcleos referidos no punto anterior dentro dos plans aprobados polo goberno dentro do “Programa de Universalización de Infraestructuras Digitales para la Cohesión” dentro da Convocatoria do Plan Único-Banda Ancha 2023?

3.- Se é así, que prazos e investimentos están previstos para a execución dese proxecto ?

Ler novas
Novas
Reunión da xunta directiva con Néstor Rego.

O BNG demanda no Congreso a devolución á veciñanza do "Centro" de Cervás.

Ares, 27 de xaneiro de 2024.- O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado por representantes do BNG de Ares –co portavoz,Tino Seco, á cabeza- mantivo onte á tardiña un encontro coa xunta directiva do “CIRS” de Cervás; co fin de darlles conta do contido da iniciativa (adxunta) presentada no Congreso para que éste reclame do goberno do Estado a devolución dos bens do “Centro” incautados en 1936.

Rego lembrou que “a Comisión de Réxime das Administracións Públicas do Congresos dos Deputados, en sesión do 26 de maio de 1998, aprobou unha Proposición non de Lei presentadas polo deputado do BNG, Francisco Rodríguez, na que se instaba ao Goberno a restituir as propiedades do “Centro de Instrucción, Proteción e Recreo” de Cervás á sociedade do mesmo nome”.

A reiteración desta demanda prodúcese, segundo Néstor Rego “ao amparo da Lei 20/2022 de Memoria Democrática, aprobada polo Congreso dos deputados, que podería permitir a resolución deste caso; xa que recolle no seu articulado o dereito ao resarcimento de bens incautados no levantamento fascista e na Ditatura; logo dunha auditoria que concrete o inventario dos bens incautados e as medidas de recoñecimento aos afectados”.

Ao amparo desa Lei, o BNG presentara xa unha pregunta no pasado mes de outubro –no que se cumpría o ano que fixa a Lei para a realización da auditoria- que tivo unha resposta do Goberno afirmando que o inventario de bens e dereitos incautados a incluir na devandita auditoría aínda non se realizou; e que as posíbeis vías de recoñecimento aos afectados serán iniciadas unha vez finalice a auditoría.

Neste contexto, Rego afirmou que “non é de recibo que pasados 88 anos dunha inxusta incautación, non se teña producido aínda a reparación e o recoñecimento á veciñanza de Cervás do dereito á propiedade –acreditada documentalmente- dos bens que foran adquiridos co esforzo económico e físico hai agora xustamente cen anos”.

Precisamente, co gallo da celebración do centenario da sociedade –fundada no ano 1924- o deputado do BNG lembrou que “temos unha boa ocasión para facer xustiza e reparación, da man do que xa recolle a letra do noso himno: os tempos son chegados…

Ler novas
Novas
Foto tratada C. Saúde

O BNG de Ares demanda mellora na atención sanitaria do centro de saúde.

A carencia de persoal sanitario no Centro de Saúde de Ares é unha constante praticamente desde o momento mesmo que se puxeran en marcha as instalacións do novo Centro de Saúde; mesmo que daquela se fixeran promesas ao respecto de que a millora nas instalacións levaría tamén emparellada a dotación de maior persoal para a atención á poboación do noso concello. 

Segundo o portavoz municipal do BNG, Tino Seco, “de xeito cíclico e reiterado, a veciñanza do noso concello sofre as consecuencias da falta de cobertura de prazas de profisionais –agravada na tempada do verán polo aumento de poboación que rexistra o noso concello- que se constatan no retardo das citas de consultas, imposibilidade de obter receitas para as doenzas, etc…

Lembra o portavoz do BNG que “pese a que hai agora ano e medio os responsábeis da Consellaría trasladasen ao alcalde de Ares en novembro de 2021 o compromiso de que o Centro de Saúde de Ares disporía de catro médic@s de atención primaria, alén doutros servizos coma pediatría e gardas de atención os sábados. Pola contra, a situación vivida nos últimos meses evidencia que as devanditas promesas non se concretaron na prática; convertendo as carencias nun problema estrutural”.

Tino Seco fai mención “ao acontecido no pasado mes de Agosto, cando perante a situación límite pola carencia de médic@s comprometérase a restauración dos servizos; cando o certo é que só se fixo parcialmente e, concretamente, non se abordou a cobertura da praza de desprazad@s; que resulta fundamental nun concello onde a poboación chega a triplicarse na tempada do verán”. 

Ao fío desta situación –que deriva na prática en prexuizos para o conxunto da veciñanza e supón a grave merma no dereito básico a unha sanidade pública en condicións- desde o Grupo Municipal do BNG presentouse unha moción ao pleno do concello (a celebrar o vindeiro luns 25) na que se propón que a corporación adopte o seguinte acordo:

“O Pleno do concello de Ares solicita da Consellaría de Sanidade a cobertura de todas as prazas de profesionais correspondentes ao Centro de Saúde de Ares –tal e como fora comprometido no seu momento- garantindo a completa atención ao conxunto da poboación; reforzando a plantilla na tempada do verán, retomando as gardas os sábados e normalizando a atención en pediatría”.

Ler novas
Novas
undefined

O BNG de Ares elixe o primeiro tramo da candidatura ás municipais

Acompañarán a Tino Seco –que no seu día fora nomeado candidato á alcaldía- Carmen Brage (actual portavoz municipal) no segundo posto, e o tamén concelleiro Miguel García Paz, que ocupará o número tres da candidatura do BNG. No número catro da candidatura figura Uxía Casteleiro, técnico en coidados auxiliares de enfermaría e técnica en farmacia, e ocupando o número cinco Rubén Rey, sociólogo e técnico en economía social.
Ler novas