#ares
Novas
Foto 2

Outro atentado ao noso patrimonio: destrución do lavadoiro do Bordocedo

Outra vez temos que asistir a unha nova desfeita causada polos madeiristas, trátase neste caso do lavadoiro do Bordocedo en Cervás, un ben patrimonial que, pese ao seu estado de abandono, representa valores paisaxísticos, etnográficos e incluso emocionais moi valiosos para a nosa xente. 

Hoxe, alertados por persoas que descubriron horrorizadas o desastre no Bordocedo, acudimos alí, para compartir con elas a consternación e a indignación polo sucedido: os muros e teito do lavadoiro escachados, a fonte cuberta de polas, os canos rotos... 

Se meses atrás denunciabamos feitos parecidos na fonte da Tella e en moitas vías e camiños arrasados pola acción das empresas dedicadas á tala de madeira, tamén esixiámoslle aos nosos responsables municipais que actuasen para facer cumprir as ordenanzas que regulan esta actividade e que lle proporcionan ao Concello instrumentos máis que suficientes para actuar con contundencia en defensa dos intereses da veciñanza. Todo foi en van, os camiños seguen igual e semella que os madeiristas séntense impunes ante a ausencia de consecuencias. 

Esixímoslle de novo ao Concello de Ares, contundencia en facer cumprir as ordenanzas, e que os responsables destes atentado ao patrimonio restauren e reparen os danos causados. 

Ler novas
Novas
Imagen de WhatsApp 2024-08-11 a las 09.03.56_88670b0e

A realidade é moi teimuda

Fronte aos anuncios triunfalistas en vésperas das eleccións municipais por parte do Concello, Xunta de Galicia e do Presidente da Deputación, asegurando que o problema do abastecemento de auga en Ares estaba solucionado, a xente atópase, un verán máis, coa realidade de que polas súas billas apenas brota un fío de auga.

Tiveron que ser estes veciños e veciñas, fartos desta situación, coa simple convocatoria dunha concentración para reclamar solucións a este problema, os que conseguiron o que parecía imposible: dun día para outro, todos os atrancos que poñía a Xunta para asinar o convenio que permitirá a construción dos depósitos de auga en Simou, pendente dende novembro de 2023, quedaron resoltos.

Pero este venres, no Pleno convocado de urxencia para aprobar o dito convenio, asistimos con perplexidade ás declaracións do alcalde responsabilizando dos problemas de subministro de auga no noso concello ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen por aquelas datas era o secretario xeral do PSdeG-PSOE. Finalmente, segundo o alcalde, as condicións impostas pola Deputación xunto coa desidia da Xunta de Galicia provocaron que hoxe, 9 de agosto, esteamos a aprobar a sinatura dun convenio que, de novo palabras textuais do alcalde, non ten garantías de que se vaia executar.

Dende o BNG esiximos que os problemas internos do PSOE non convertan á veciñanza de Ares nos reféns das súa disputas. Alguén pode crer que tras 17 anos no goberno municipal, o concello non teña ningunha responsabilidade?

Así mesmo, unha vez asinado o convenio, é preciso facer un seguimento exhaustivo da súa execución e, no caso de retrasos inxustificados por parte da Xunta de Galicia, actuar con toda contundencia na defensa dos intereses da cidadanía de Ares.

A día de hoxe, a concentración veciñal do día 15 en demanda de solucións ao problema do abastecemento de auga, cobra maior significación. Alí estará o BNG e invitamos aos veciños e veciñas de Ares a participar na convocatoria.

Ler novas